FETE-UXT recorre ante os tribunais o decreto de FP básica de Galicia
Por Redacción
A Federación de Traballadores do Ensino, FETE-UXT Galicia interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o decreto que se regula a Formación Profesional Básica na comunidade e se establecen os seus currículos.
Nun comunicadom FETE explica que o decreto foi publicado no DOG o pasado mes de setembro "sen pasar pola Mesa Sectorial de Educación" e sen ditame favorable do Conselo Escolar de Galicia.
O aspecto impugnado por Fete-UXT ten que ver co requisito lingüístico esixido aos profesores que imparten o módulo de comunicación e sociedade. Aínda que este módulo pode ser impartido por profesores de castelán, galego, lingua estranxeira e xeografía e historia, o decreto apunta que cando sexa impartido por un docente diferente ao de lingua estranxeira, este "deberá acreditar, polo menos, o nivel B2" do Marco Común Europeo.
Este requisito, non obstante, non ten correspondencia coa normativa estatal, alerta o sindicato, que só esixe o nivel B2 para impartir docencia en ciclos de FP básica de centros plurilingües.
Por iso, UGT considera que a Xunta está a esixir un "requisito ilegal para o profesorado deste módulo" e causa unha "situación de agravio comparativo con respecto aos docentes do resto do Estado".