51 menores encontraron un fogar de acollida con 43 familias pontevedresas
Por Redacción
A 31 de setembro, un total de 51 menores pontevedreses encontraron un fogar de acollida no seo de 43 familias. Son os resultados do Proxecto de Acollemento Familiar posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, a través de Cruz Vermella e en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
ÿ un recurso que ten como obxectivo proporcionar unha alternativa aos menores con idades comprendidas entre os cero e dezaoito anos de idade, cuxas familias atravesan unha situación de crise ou dificultade que lles impide atender correctamente, de forma temporal, aos seus fillos.
Deste modo favorécese o acollemento temporal de nenos e adolescentes nun ámbito que non é o seu, converténdose nunha alternativa de convivencia en familia para os menores que se encontran nunha situación de risco ou desamparo procurando manter, sempre que sexa posible, o contacto co seu fogar de orixe.
Este proxecto é atendido por un equipo técnico que analiza cada posible situación e buscan a familia idónea para cada menor, proporcionando o apoio e a formación necesaria ás familias, e realizando un seguimento continuo do acollemento en todo momento.
A esta iniciativa sumaranse moi pronto outras 14 familias que, este luns, iniciaron un proceso de formación para darlles a coñecer o proceso de Acollemento Familiar e proporcionarlles os recursos necesarios para afrontar o acollemento dun menor na súa familia. Búscase ademais brindar a oportunidade ás familias que o desexen de coñecer outras que están na mesma situación familiar e fomentar a comunicación entre elas.
As sesións estarán dirixidas pola psicóloga e a traballadora social de Cruz Vermella Española, responsables do Proxecto de Acollemento Familiar, así como por persoas voluntarias que colaboran con este.