Cada vez máis mozos sen fogar buscan refuxio no albergue de Cáritas en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño
'Ninguén sen saúde. Ninguén sen fogar'. Baixo ese lema Cáritas organiza a Semana de persoas sen fogar, unha campaña coa que sensibilizar á cidadanía sobre esta problemática social. Coincide coa renovación do convenio entre esta ONG e o Concello de Pontevedra para financiar os gastos que xera o albergue de San Javier, o centro que Cáritas ten en Pontevedra para atender aos 'sen teito'.
O goberno municipal aporta 29.000 euros ao financiamento deste albergue, que conta cuns gastos anuais de preto de 100.000 euros. Nel sérvense ceas quentes a unhas 20 persoas sen fogar ao día, que tamén poden ducharse e pernoctar no establecemento. Poden permanecer albergados durante un máximo de quince días "salvo que haya alguna circunstancia especial", sinalou a presidenta de Cáritas, María Jesús Prieto.
Antes de poder volver ao albergue deben pasar dous meses. Lógrase así certa rotación entre os usuarios, para poder axudar, na medida do posible, ao máximo número de persoas. Especialmente nunha época na que reciben numerosas solicitudes de axuda. Moitas delas chegan, dixo María Jesús Prieto, "cada vez más de gente joven que hasta hace bien poco tenían trabajo y que por circunstancias de la vida ahora van de albergue en albergue".
O albergue de San Javier está a diario "prácticamente lleno" e Cáritas recoñece que "a veces hay gente a la que no podemos atender" e aos que lles gustaría "poder ayudarlos más". Pero a directora da ONG en Pontevedra asegura que os seus recursos son limitados. E iso que conta, segundo quixo destacar, "con numerosas personas que se acercan con donativos o alimentos" e co traballo desinteresado de varios voluntarios.
Esta casa de acollida cumpre unha "función fundamental" na cidade, sinalou o alcalde de Pontevedra, e forma parte dunha rede que completan o comedor de San Francisco ou entidades como Calor y café ou Rexurdir, que ofrecen outro tipo de axudas ás persoas sen fogar. "Entre todos imos capeando un temporal que non pasa e arrecia cada vez máis", afirmou Miguel Anxo Fernández Lores.
Relacionadas:
-
51 menores encontraron un fogar de acollida con 43 familias pontevedresas
Por Redacción |
-
O 'cepillo' da igrexa de San Francisco achega o 85% dos fondos para manter o Comedor social
Por Oskar Viéitez |
-
O roupeiro de Cáritas viste a máis seis mil pontevedreses
Por Redacción |
-
Organizan, a través da Rede Axuda, unha cea de Noiteboa para persoas soas e sen recursos
Por Alejandro Espiño |