Xuventude explica o funcionamento de Noites Abertas a 1.500 estudantes de instituto
Por Redacción
Un total de 1.500 alumnos dos institutos pontevedreses recibiron información durante as dúas últimas semanas sobre a nova edición do programa Noites Abertas e sobre a posibilidade de presentar propostas de actividades de cara a 2015.
As charlas impartíronas o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, e o persoal da Oficina Municipal de Xuventude nos institutos Gonzalo Torrente Ballester, Sánchez Cantón, Luis Seoane, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Carlos Oroza, A Xunqueira 1 e A Xunqueira 2. Foron un total de 15 charlas de 45 minutos en horario lectivo
O interese da concellaría é que sexan os rapaces os que tomen a iniciativa de Noites Abertas á hora de configurar a súa programación cos obradoiros ou cursos que propoñan. Para iso, explicáronlles a metodoloxía que utiliza o programa Noites Abertas e a súa gratuidade.
As propostas deseñadas poden ser de actividades deportivas, culturais, obradoiros de diverso tipo, rutas, xogos... sempre respondendo aos fins de Noites Abertas. O ano pasado recibíronse 232 propostas das cales saíron 117 actividades distintas e rexeitáronse 115. Este ano prevese un novo incremento dos proxectos recibidos.
O prazo para a presentación de propostas permanecerá aberto ata o 24 de outubro. No mes de novembro a coordinación do programa fará a selección das propostas definitivas, para pasar a unha nova fase de programación concreta das actividades seleccionadas, e configurar así o calendario definitivo para comezar máis cedo ca nunca, o venres 23 de xaneiro de 2015.
O modelo de formulario para deseñar propostas poderá descargarse da web da Concellaría de Xuventude ou ben solicitalo na Oficina de Xuventude na Casa Azul, rúa Sor Lucía 2, no teléfono 986840367 ou no correo electrónico xuventude@pontevedra.eu. A atención telefónica será só en horario de mañá, pero poderá concertarse entrevista noutros horarios para axuda e asesoramento no deseño das propostas.
Relacionadas:
-
Presentan a XVI edición de Noites Abertas, que chega este ano "máis grande que nunca"
Por Alejandro Espiño |
-
As Noites Abertas comezarán antes que ningún outro ano: o 23 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
Empezan a xestarse as actividades da nova edición de Noites Abertas
Por Redacción |
-
A próxima edición de 'Noites abertas' explotará as redes sociais
Por Redacción |
-
'Noites abertas' despídese da súa XV edición enchendo de festa a praza de Curros Enríquez
Por Diego Torrado |