Certificado nacional 'Q de calidade' para Silgar, Areas e Canelas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Instituto para a Calidade Turística Española acaba de confirmar a concesión ao Concello de Sanxenxo do selo nacional 'Q de Calidade' para as praias de Silgar, Areas e Canelas, "un logro que ratifica o esforzo que realizamos dende a Administración local para preservar os magníficos enclaves naturais que conforman a nosa costa e que supoñen un reclamo imprescindible para os visitantes", sinalaron dende o Executivo local insistindo que "o noso traballo neste eido vai encamiñado a compatibilizar o coidado do medio ambiente co goce destes areais por parte dos usuarios, é dicir, o que pretendemos é un turismo sostible".
Para iso, as tres praias foron sometidas o pasado mes de setembro a exhaustivas auditorías destinadas a supervisar aspectos como os procesos e compromisos da dirección, a planificación e organización dos recursos, a xestión ambiental, o control e a mellora continua.
Durante as inspeccións tamén se analizou a seguridade no mar e o balizamento, a área de salvamento e primeiros auxilios, os servizos médicos e o traslado dos usuarios; así como a información sobre os servizos prestados nas praias.
Outra das cuestións nas que se incidiu foi no proceso de recollida selectiva dos residuos, na limpeza da superficie seca, húmida e da auga, das instalacións e equipamentos; e tamén no mantemento dos equipamentos existentes.
Os accesos aos areais e á zona de baño, os aparcadoiros, os aseos, as duchas e lavapés, as hamacas e antucas, os alimentos e bebidas e as actividades lúdico-deportivas, foron obxecto de análise por parte dos auditores.
"Falar de calidade é falar de mellora do servizo que se ofrece aos usuarios", afirma o Goberno sanxenxino, insistindo en que "a calidade é un valor fundamental hoxe en día en canto a competitividade do destino".
Á súa vez, dende o Executivo municipal recordaron que a consecución destes selos se suman ao obtido antes do verán polo Porto Deportivo Juan Carlos I. "Non debemos esquecer que Sanxenxo é o municipio galego con máis distintivos Q de Calidade, grazas ao compromiso tanto do sector privado como do público, empeñado en lograr o máximo nivel de satisfacción dos visitantes".
Relacionadas:
-
O sector turístico pontevedrés recolle en Fitur os seus distintivos 'Q de Calidade'
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Sanxenxo opta a ser a primeira de carácter municipal coa 'Q de calidade'
Por Redacción |
-
As praias con bandeira azul de Sanxenxo obteñen o certificado de excelente na calidade das augas
Por Redacción |
-
Clase práctica da asignatura 'Sanxenxo'
Por Redacción |
-
Tes máis de 55 anos e viaxas fóra da tempada estival? Sanxenxo busca xente coma ti
Por Redacción |
-
As Rías Baixas concluirán o ano con dous millóns de visitantes
Por Redacción |