Tes máis de 55 anos e viaxas fóra da tempada estival? Sanxenxo busca xente coma ti
Por Redacción
Sanxenxo busca converterse en destino preferente para os turistas 'senior'. O municipio acaba de integrarse no programa 'Europe Senior Tourism' que promove Turespaña. Este plan está destinado a frear a estacionalidade a través da organización de viaxes en grupo, parcialmente bonificadas, dirixidas a europeos de máis de 55 anos, con posibilidade de acompañante, que viaxen a España en tempada media e baixa.
"Para o noso destino turístico entrar neste programa é moi necesario á hora de manter a consolidación de negocio fora da tempada estival", apuntou a alcaldesa de Sanxexo, quen engadiu que "isto nos abre aos circuítos internacionais e afonda na liña de traballo e promoción que vimos desenvolvendo nos últimos anos".
Os datos facilitados por Turespaña apuntan a que este programa atraeu, dende a súa creación en 2009, a máis de 120.000 turistas de 16 nacionalidades diferentes. Na edición outubro 2014- maio 2015 o sistema de viaxes comercializarase en países da Unión Europea entre os que se inclúen Francia, Reino Unido, Polonia, República Checa, Eslovaquia, Romanía, Bulgaria, Finlandia, Suecia, Italia, Grecia, Austria, Irlanda, Portugal, Lituania, Hungría e Alemaña.
O proxecto elaborado pola empresa mixta Turismo de Sanxenxo, baixo o lema 'Os mellores momentos', incide nalgunhas das características que definen a este destino como son a súa oferta de aloxamento ampla e de calidade, de tratamentos de saúde e beleza, comercial, de propostas complementarias como golf, actividades náuticas e deportivas, ruta do viño, turismo patrimonial e mariñeiro, entre outras.
O informe remitido a Turespaña inclúe ademais outros apartados que conforman os valores clave de Sanxenxo como a súa boa gastronomía, a tranquilidade e seguridade do destino, a amabilidade e profesionalidade do persoal do sector, e as boas conexións aéreas e terrestres, encontrándose a menos dunha hora de distancia dos aeroportos de Vigo e de Santiago e a hora e media do de Porto.
"A ampla e variada oferta hoteleira e a situación e comunicacións estratéxicas deste municipio co resto de Galicia fai de Sanxenxo o lugar ideal para ser a base de operacións de todos os europeos que estén interesados en coñecer a fondo a nosa comunidade", afirmou a alcaldesa.
A próxima semana unha delegación de empresarios do sector e representantes locais participará en Madrid na xornada de traballo que se desenvolverá na sede da Secretaría de Estado de Turismo para intercambiar cos responsables das firmas comercializadoras aspectos de interese a resaltar na oferta.
Relacionadas:
-
Sanxenxo será destino turístico en tempada media e baixa para maiores europeos
Por Redacción |
-
Turismo Sanxenxo prepara unha campaña para promover a gastronomía local durante o inverno
Por Redacción |
-
O Porto Deportivo logra a total accesibilidade das súas instalacións ás persoas discapacitadas
Por Redacción |
-
Clase práctica da asignatura 'Sanxenxo'
Por Redacción |
-
Sanxenxo abre os seus brazos aos turistas 'sénior' europeos
Por Redacción |
-
Certificado nacional 'Q de calidade' para Silgar, Areas e Canelas
Por Redacción |
-
Un final de etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro de vela, obxectivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Goberno ofrece ao sector turístico pontevedrés unha web para promoverse
Por Redacción |