As praias con bandeira azul de Sanxenxo obteñen o certificado de excelente na calidade das augas
Por Redacción
A Consellería de Sanidade fixo públicos os resultados das análises microbiolóxicas realizadas nos areais de Sanxenxo, que confirman que a calidade das augas das praias galardoadas este ano con Bandeira Azul manteñen a súa cualificación de "excelente".
Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada cumpren con este requisito esixido para poder optar a conseguir o ecodistintivo internacional que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
O concelleiro José Luis Rodríguez adiantou que o Concello de Sanxenxo está a preparar o proxecto que deberá remitir antes dun mes ao ADEAC coas candidaturas ás Bandeiras Azuis para o verán de 2015. O responsable de Medio Ambiente lamentou os efectos que os continuos temporais provocan nas praias debido a que o mar de fondo arrastra moitos restos que se depositan nos areais.
Rodríguez tamén fixo un chamamento á concienciación cidadá para preservar o ámbito e o mobiliario urbano e lamentou o roubo do mastro de doce metros da Bandeira Azul de Major e da cimentación de formigón sobre a que estaba ancorado mediante parafusos.