As obras de Blanco Porto van "como un tiro" e estarán rematadas a principios de novembro
Por Redacción
A segunda fase das obras de reurbanización da rúa Blanco Porto avanzan máis rápido do previsto inicialmente. O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, afirmou que os traballos van "como un tiro", o que permitirá acurtar os prazos para a súa finalización. A súa execución ía durar catro meses, pero se non hai contratempos "as vamos a ter antes". O goberno municipal calcula que estarán rematadas a principios de novembro.
O proxecto, que ten un orzamento de 150.000 euros, prevé un deseño en superficie idéntico á primeira fase das obras, realizada durante o ano pasado. Ademais estanse a substituír todos os servizos soterrados de auga potable, pluviais, saneamento, subministro eléctrico e iluminación pública. Antón Louro mostrou a súa satisfacción polo resultado que se está a lograr nesta rúa e que permitirá un maior uso e goce por parte da cidadanía.
O plan de obra comezou na beirarrúa dereita, a máis próxima a Cruz Gallástegui, porque é a que ten maior presión comercial, co obxectivo de rematar esta zona canto antes. Xa están substituídas todas as acometidas e servizos, instalouse o bordo e se está a colocar a lousa. A beirarrúa estará rematada a mediados da semana próxima.
A beirarrúa contraria consumirá un máximo de dúas semanas. O proxecto inclúe unha ampliación na esquina entre Blanco Porto e Joaquín Costa, coincidente co colexio das Calasancias, onde hai unha forte presión peonil nas horas de entrada e saída. Ademais, para garantir a seguridade viaria nunha zona tan sensible manterase a varanda metálica que separa a calzada neste punto.
Antón Louro avanzou tamén que as obras en marcha no barrio de San Antoniño (rúas de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses) tamén están progresando sen dificultades. O investimento total nas tres actuacións en marcha é de 505.717 euros. De cara ao próximo ano, executaranse novas obras neste ámbito, para que toda esta zona conte cos mellores servizos e cun deseño acorde co resto do centro da cidade.
Relacionadas:
-
E.C. Casas acomete gratis e "por conta propia" o asfaltado completo da rúa Blanco Porto
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira quéixase da "improvisación" na execución varias obras urbanas
Por Redacción |
-
As obras no barrio de San Antoniño ampliaranse a Gonzalo Gallas e Javier Puig
Por Alejandro Espiño |
-
Oresa, Covsa e EC Casas, adxudicatarias das novas reformas urbanas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra aproba investimentos por 1,4 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |