Oresa, Covsa e EC Casas, adxudicatarias das novas reformas urbanas
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra celebrada este luns aprobou un paquete de licitacións e adxudicacións que superan os 1,4 millóns de euros.
En canto ás licitacións, que superan o medio millón de euros, están destinadas a diversos expedientes de contratación como a subministración de vestiario para a Policía Local durante os próximos catro anos (261.000 euros), a mellora e acondicionamento do centro social de Lusquiños (167.000 euros) ou a rehabilitación da estrada de acceso ao Pontillón do Castro.
OBRAS
As obras nas rúas de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses (no barrio de San Antoniño) e da segunda fase da rúa de Blanco Porto comezarán entre mediados de agosto e principios de setembro. As tres actuacións, que impulsa o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, foron adxudicadas provisionalmente pola Xunta de Goberno Local.
Louro destaca que estamos diante dunha paquete de obras de rehabilitación integral de rúas cun orzamento de adxudicación que totaliza 505.717 euros. As tres actuacións estarán rematadas antes de fin de ano, toda vez que os trámites para a elección das empresas contratistas están practicamente rematados.
As empresas seleccionadas dispoñen agora de 10 días para entregar a documentación e comezarán a traballar antes do prazo máximo dun mes, conforme aos proxectos aprobados polo departamento de Urbanismo e presentados hai varias semanas aos veciños.
As obras da rúa de Víctor Cervera Mercadillo estarán a cargo de Oresa cun orzamento final de 131.258,64 euros. O prazo inicialmente previsto ronda os 4 meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, a seleccionada é Covsa e o orzamento sobe ata os 221.846,85 euros, cun prazo máximo de 5 meses. Finalmente, Blanco Porto estará a cargo da firma Construcciones EC Casas, que dispón dun máximo de catro meses. Louro anticipa que agarda que os traballos rematen antes dos prazos autorizados.
Relacionadas:
-
As obras de Blanco Porto van "como un tiro" e estarán rematadas a principios de novembro
Por Redacción |
-
As obras nas rúas de Cervera Mercadillo, Álvarez Limeses e Blanco Porto, a piques de comezar
Por Redacción |
-
A reforma integral de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses estará acabada antes de fin de ano
Por Redacción |
-
Xuntanza veciñal para coñecer os proxectos das rúas de Víctor Cervera-Mercadillo e Gonzalo Gallas
Por Redacción |