A Xunta asume a explotación das depuradoras de Ponte Caldelas e da Mancomunidade do Salnés
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este luns os convenios polos que o Goberno galego asume a xestión e explotación das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Ribadumia e Ponte Caldelas.
No caso de Ponte Caldelas esta medida supoñerá un aforro importante para as arcas municipais, posto que o que recada o Concello coa taxa de depuración supón menos de 50% do custo actual do mantemento da EDAR.
Non supoñerá alteración ningunha sobre o recibo que pagan os cidadáns
O feito de que esta depuradora municipal sexa xestionada pola Xunta non supoñerá alteración ningunha sobre o recibo que pagan os cidadáns xa que o Concello de Ponte Caldelas aplica, dende xaneiro de 2013 no recibo da rede de sumidoiros, o coeficiente de vertedura ou taxa de depuración, aprobada pola Xunta en 2012 e que ten por obxecto contribuír ao sostemento das depuradoras.
Este coeficiente de vertedura, ou taxa de depuración, aplícase dende xaneiro de 2013 a todos os usuarios do servizo de saneamento, con independencia de se a EDAR a xestiona a Xunta ou o Concello e é un dos condicionantes que establecía a administración autonómica para conseguir as explotacións das depuradoras.
Os ingresos pola taxa de depuración ou coeficiente de vertedura teñen que transferirllo á Xunta
A partir de 2015, cando a Xunta pase a explotar estas depuradoras, os ingresos pola taxa de depuración ou coeficiente de vertedura teñen que transferirllo á Xunta.
Alfonso Rueda explicou que o Goberno galego asume por primeira vez a explotación de dúas depuradoras xa en funcionamento, a de Ponte Caldelas e a da Mancomunidade do Salnés "en prol dunha mellor xestión ", aplicando este mecanismo novidoso incluído na Lei de Augas, e "axudando dende a Xunta aos concellos galegos para ofrecer o mellor servizo aos veciños".
A Consellería de Medio Ambiente levará a cabo a súa explotación e realizará as tarefas precisas para a súa correcta conservación e mantemento. Cabe sinalar que a asunción da prestación por parte de Augas de Galicia en ningún caso supón que a administración hidráulica da Comunidade Autónoma asuma a titularidade das instalacións xestionadas.
En ambos os dous casos os convenios teñen un período de validez de catro anos a partir da data da firma da acta de comprobación das instalación, pero poden ser renovados por período de catro anos se non existe denuncia por calquera das partes.
Relacionadas:
-
Máis de 80.000 euros para sanear Avecil en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Sae a licitación o contrato de explotación da EDAR de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Augas de Galicia pasa a xestionar a depuradora de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A Estación Depuradora de Augas Residuais do río Umia xa está en marcha con 8 millóns de investimento
Por Redacción |