A Estación Depuradora de Augas Residuais do río Umia xa está en marcha con 8 millóns de investimento
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Medio, Agustín Hernández, asistiron á posta en marcha da Estación depuradora de augas residuais (EDAR) do río Umia. Neste proxecto investíronse ao redor de 8 millóns de euros.
Esta nova EDAR, segundo sinalan dende a Xunta, será un factor de progreso para os 15.000 veciños da bisbarra do Salnés que engloba os concellos de Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilagarcía e Cambados. Ao mesmo tempo, leva consigo máis opcións de desenvolvemento para dous sectores fundamentais na economía estratéxica na ría de Arousa como son o marisqueo e o turismo. Está previsto que a nova infraestrutura contribúa a aliviar a sobrecarga que, dende hai tempo, sofre a de Tragove, en Cambados.
A Xunta leva investidos 36 millóns de euros no saneamento da ría de Arousa nos que gastaron xa 56 millóns de euros en diferentes infraestruturas. A administración autonómica dispón dun plan específico para o río Umia no que se están a investir máis de 20 millóns de euros co fin de desenvolver unha xestión integral da conca que garanta tanto a calidade coma o abastecemento seguro da poboación. Entre as obras previstas inclúense as de abastecemento dos veciños de Caldas de Reis.