Percorrido pola historia da Praza da Ferraría
Por Redacción
A primeira constancia da Ferraría encóntrase no Livro Vello do Concello alá polo ano 1437. Naquel entón aparecía recollida na documentación como rúa de Ferraría pasando cos anos a converterse na praza actual e no punto neurálxico da vila. Denominouse Real Praza, Praza da Constitución e do 'Xeneralísimo Franco' pero sempre estivo presente entre a poboación a denominación pola que é coñecida actualmente: Praza da Ferraría.
Estes e outros datos recóllense durante estes días a través dos sete paneis instalados na Praza de Ourense e no paseo Antonio Odriozola no perímetro deste espazo de ocio para os pontevedreses. Este mediodía, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, acompañados polos comisarios da mostra, Enrique Sotelo e Margarita Veiga, percorreron a mostra na que se fai un repaso a súa historia.
Fernández Lores destacou que A Ferraría "é o corazón da cidade" e referiuse á evolución da praza que en 1910 se encontraba toda a nivel ata que en 1940 se instalaron os monfortinos ao seu arredor para impedir o acceso de vehículos e carros.
O alcalde pontevedrés engadiu que a pedra de 1996 que conforma a praza terá que ser, co tempo, substituída por outra máis firme porque a actual, que se trasladou dunha fábrica de salgadura de Vigo, se encontra moi oxidada e se fragmenta con facilidade. Pero insistiu en que este espazo se encontra en boas condicións, "ben iluminada e ben axardinada", apuntou o rexedor.
Relacionadas:
-
Amplían un mes máis as exposicións na rúa 'Pontevedra desde o río' e 'A Ferraría'
Por Redacción |
-
Á praza da Ferrería fáltalle un anaco
Por Redacción |
-
A Ferrería, máis preto a través das Xornadas municipais de Historia
Por Redacción |
-
A Ferrería, eixo central das xornadas municipais de historia que recupera o Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |