A Ferrería, eixo central das xornadas municipais de historia que recupera o Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Os cubos da Praza de Ourense acollerán, a partir do próximo 3 de outubro, unha exposición que afondará sobre a historia da Ferrería, un dos principais espazos do centro histórico. Trátase dun "centro neurálxico" da actividade diaria en Pontevedra, segundo o concelleiro Luis Bará, que chegou a cualificala como "a sala de estar da cidade", debido á importancia que ten para a convivencia dos cidadáns.
Esta exposición, que será presentada en próximos días, irá acompañada da edición dunha pequena publicación sobre a praza, coordinada polo responsable do Arquivo Municipal, Enrique Sotelo. E como complemento, o Concello de Pontevedra recupera a celebración dunhas xornadas municipais de historia, nas que diferentes expertos analizarán o desenvolvemento desta praza e o seu paralelismo con espazos noutras cidades galegas.
Estas xornadas, que se celebrarán na Casa das Campás os próximos días 1 e 2 de outubro, compóñense de catro conferencias que, segundo Enrique Sotelo, "nos proporcionarán unha visión da evolución de Pontevedra e de Galicia".
A programación destas xornadas é a seguinte:
MÿRCORES 1
- 18.30 horas. As feiras en Galicia, por Juan Juega Puig.
- 19.30 horas. As profesións do desenvolvemento das cidades, por Gonzalo Francisco Fernández Suárez.
XOVES 2
- 18.30 horas. A tipoloxía arquitectónica das praias maiores galegas, polo grupo IALA da Univerdade da Coruña.
- 19.30 horas. O Corpus e os seus antecedentes históricos, por Domingo Luis González Lopo.
Segundo Luis Bará, o Concello de Pontevedra traballará para darlle continuidade a estas xornadas de historia, de forma que os interesados nesta materia "teñan un referente anual". Asegura que as temáticas que se poden tratar "son moi amplas" e cre que sería o complemento perfecto para as exposicións que teñen previstas programarse no futuro.
Relacionadas:
-
Percorrido pola historia da Praza da Ferraría
Por Redacción |
-
A Ferrería, máis preto a través das Xornadas municipais de Historia
Por Redacción |
-
25 anos do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, nova exposición nos cubos da Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
Os novos quioscos da Ferrería serán dous cilindros de metal
Por Oskar Viéitez |