A casa do concello de Cotobade disporá dun salón aberto aos veciños
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinaron este xoves en San Caetano un convenio de colaboración polo cal o Executivo autonómico achega ao concello 20.000 euros para a creación dun novo salón de actividades para a vila.
A actuación que se vai realizar ao abeiro desta colaboración consiste en realizar obras de remodelación da planta baixa da Casa Consistorial, actualmente destinada a almacenaxe, co fin de que o Concello poida dispor dunha sala de reunións axeitada as necesidades actuais e as tarefas que leva a cabo no seu día a día: reunións, xuntas conferencias, actividades veciñais, entre outras.
Como indica o texto do convenio, preténdese converter este espazo, practicamente en desuso, nun lugar aberto aos veciños, que facilite a participación cidadá na xestión pública e a mellora da mesma e do goberno local.
O proxecto deste novo salón de actividades para Cotobade ten un orzamento de algo máis de 63.000 euros, dos cales o Goberno galego achegará case un terzo do total.