Cotobade dobra as subvencións ás ANPAS dos centros escolares do municipio
Por Redacción
As ANPAS de primaria e secundaria dos colexios de Carballedo e Tenorio e do IES de Cotobade verán incrementadas as subvencións que reciben do goberno municipal para este curso escolar. Así o anunciou este xoves o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela. Con estes cartos, estas asociacións poderán subvencionar as actividades extraescolares dos alumnos.
En concreto, as achegas municipais permitirán que a ANPA O Castelo reciba 1.150 euros, un 51,9% máis que o ano pasado; mentres que no caso da ANPA Sanxuvite a subvención alcanzará os 1.315 euros, un 48,7% máis. A ANPA do IES Cotobade verá incrementada a súa contía ata os 1.068 euros, un 30% máis que no curso anterior.
Todas elas teñen ata o 15 de novembro para xustificar os seus gastos.
O rexedor local, Jorge Cubela, salienta que Cotobade pode incrementar as partidas de educación e os gastos dedicados aos nenos, "grazas á boa xestión económica destes tres anos, que nos sitúan como un dos concellos que máis rápido paga as súas facturas e que vén mantendo desde o 2012 a estabilidade orzamentaria".
Asegura que Cotobade é un concello no que a educación "é o que máis se defende" dentro da priorización do gasto social e educativo, como así o demostra o feito de que este verán dobráronse as actividades, eventos e funcións dedicadas aos nenos para posibilitar a conciliación familiar dos seus pais na época estival, acudindo incluso nenos doutros municipios limítrofes.