Como rematar co furtivismo: "Se non hai quen compre, non hai quen roube"
Por Redacción
O vicepresidente e conselleiro de Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacaron en Vilagarcía que o traballo "conxunto e coordinado" da Policía Autonómica e Gardacostas na loita contra o furtivismo está a dar importantes froitos.
Ambos conselleiros, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron nunha reunión cos responsables autonómicos da loita contra o furtivismo. O encontro foi no buque Irmáns García Nodal, atracado no peirao vilagarcián, e tivo como obxectivo analizar o traballo destes efectivos e facer balance da súa actividade e colaboración nos últimos tempos.
Rueda destacou que no primeiro semestre deste ano a Policía Autonómica ten duplicado o número de inspección conxuntas con Gardacostas -superando as 2.500- e que se imputaron a case 150 presuntos furtivos entre o ano pasado e o que vai de 2014.
Pola súa banda, Rosa Quintana explicou que no que levamos de ano, con cifras ata agosto, os servizos de Gardacostas da Xunta comisaron máis de 77.500 quilos de diferentes especies, na súa maioría xarda, mexillón, xurelo, ameixa e polbo.
Ademais, tamén se incautaron máis de 13.200 artes e aparellos ilegais, maioritariamente nasas, cacharros e miños. "Non llo estamos a poñer fácil aos que incumpren á Lei", asegurou a conselleira, ao tempo que fixo un chamamento ao resto de administracións, ao sector e á sociedade en xeral para loitar desde todos os ámbitos contra a lacra do furtivismo.
"Se non hai quen compre, non hai quen roube", subliñou Quintana.
A Xunta é consciente de que a lacra do furtivismo nas costas galegas é un problema global que afecta a todos. Afecta aos profesionais do mar, porque é competencia desleal; aos consumidores, porque o produto non ten as mesmas garantías; ao peto de todos os galegos, porque non pagan ningún imposto; e á imaxe dos produtos do noso mar, un dos maiores patrimonios dos que dispón Galicia.