A loita contra o furtivismo intensifícase nas estradas e lonxas galegas
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de reforzar o control sobre o furtivismo nos bancos marisqueiros, nos traslados por estrada e nos puntos de venda das lonxas galegas.
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería do Mar asinaron este martes un convenio que ten por obxecto o establecemento das bases de colaboración entre ambas as dúas consellerías para dotar de protección policial aos axentes do Servizo de Gardacostas nas tarefas de control e vixilancia do furtivismo.
Trátase dunha colaboración que, segundo destacou Alfonso Rueda, axudará a que os profesionais do mar poidan traballar "con todas as garantías e sabedores de que todas as vendas se fan polas canles legais", garantindo así aos consumidores a calidade dos produtos. O vicepresidente puxo en valor o labor que desenvolve a Policía Autonómica e en concreto o Equipo de Resposta Policial, o Erpol, "sempre en coordinación e traballando xunto aos gardacostas".
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que a loita conxunta contra esta lacra axuda ademais a defender a boa imaxe dos produtos do mar de Galicia e do bo labor de moitos profesionais do mar e da cadea mar-industria. De aí, sinalou, a importancia de traballar de xeito coordinado cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, "sobre todo cando o furtivismo vén acompañado de accións violentas".
No marco deste convenio, a Vicepresidencia porá a disposición da Consellería do Mar os efectivos policiais necesarios para levar a cabo as tarefas de protección do persoal encargado do control e vixilancia do furtivismo. Ademais, colaborará no mantemento dos vehículos axeitados para o correcto funcionamento destes dispositivos.
Á Consellería do Mar, pola súa banda, correspóndelle planificar os operativos e coordinar o seu desenvolvemento, así como financiar os gastos de mantemento dos vehículos da Policía Autonómica empregados nos operativos conxuntos. O importe estimado dos gastos para levar a cabo esta colaboración é de 60.000 euros.
Relacionadas:
-
Requisan en Vilagarcía 1.000 vieiras furtivas procedentes de Ferrol
Por Redacción |
-
Entregan ao comedor de San Francisco percebes comisados aos furtivos
Por Redacción |
-
Os gardacostas requisan aos furtivos máis dunha tonelada de peixe e marisco
Por Redacción |
-
Como rematar co furtivismo: "Se non hai quen compre, non hai quen roube"
Por Redacción |