Lores cre que o PP só intenta facer "algo de barullito" coas súas críticas ás contas municipais
Por Alejandro Espiño
A conta xeral do Concello de Pontevedra para 2013 será aprobada no pleno da corporación municipal do próximo luns. Será por unanimidade. Este aspecto leva ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a entender que todos os grupos políticos "avalan" a xestión económica municipal para este exercicio, porque recorda que o devandito informe recolle "todo o que se fixo" durante eses doce meses.
De aí que sinalase que as críticas realizadas este martes polo PP a este documento sexan, para Fernández Lores, un intento de "marear a perdiz" e de facer "algo de barullito". Neste sentido, asegura que non é coherente realizar esas críticas públicas e posteriormente anunciar que avalarán estas contas, podendo votar en contra ou absterse se consideran que se produciron as devanditas irregularidades.
Con respecto a esta denuncia dos populares, o alcalde de Pontevedra recoñeceu ter levantado reparos de funcionarios municipais, especialmente de Intervención, en numerosas ocasións, pero recordou que se trata do "pan noso de todos os concellos", xa que é un trámite que está recollido na lei. " Se o miramos, seguro que na Deputación os reparos superan os 1.500", afirmou o rexedor capitalino.
Fernández Lores explicou que hai tramitacións ordinarias, como o pagamento do mantemento dos ascensores municipais, que teñen "certo reparo por parte de alguén", polo que despois de que o técnico correspondente indique "que a única forma de facelo é así", se procede ao pagamento en cuestión "porque a obra está feita e hai que pagala". Independentemente, dixo, de que "tomamos nota para facelo doutra forma a próxima vez".
Pero o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, insiste e afirma que este asunto "no es algo baladí". Recoñece que votarán a favor das contas "porque solo se trata del trámite de mandarlas al Tribunal de Cuentas", pero recordou que hai alcaldes imputados por levantar menos reparos dos que se saltou Fernández Lores, de quen sinalou que "más de cuatro veces por semana desobecede al interventor".
MÁIS ASUNTOS DO PLENO
Ademais dos asuntos económicos, o pleno do próximo luns aprobará, entre outras cuestións, os festivos locais para 2015. Volverán ser o mércores de cinza (18 de febreiro) e San Benito (11 de xullo). Tamén se modificará o cadro de persoal con tres prazas novas, unha para o Pazo da Cultura, outra para o padrón municipal e un terceiro contrato para persoal de confianza adscrito ao grupo municipal do Partido Popular.
A reforma da lei electoral, que pretende aprobar o PP para que goberne a lista máis votada, centrará parte do debate. Os tres grupos políticos con representación na corporación presentaron as súas correspondentes mocións para debater sobre este asunto, cualificado por Fernández Lores como "absolutamente antidemocrático" e ante o que Jacobo Moreira considera que "todo el mundo está a favor".
No pleno, os populares farán ademais dúas interpretacións ao alcalde. Unha para que explique a xestión do goberno municipal durante o incendio do aparcadoiro de Montero Ríos e outra para que detalle como vai afrontar o Concello o pagamento de todas as sentenzas xudiciais en contra se estas chegan a ser firmes. Trátase dunha débeda que, segundo o PP, alcanzaría os 16 millóns de euros, "800 euros por cada familia de Pontevedra".
Por último, os edís do PP pedirán que se arranxen a bionda da Ponte das Correntes, que se pacte cos veciños de Benito Corbal e Daniel de la Sota a mellora do cruzamento e que se instalen unha serie de canalizacións en Médico Ballina para que o ADIF poida asfaltar a zona. Estrearanse tamén as preguntas dos cidadáns que trasladarán os populares. Será unha formulada por unha asociación de veciños e outra por un particular.
Relacionadas:
-
O PP alerta de que o Consello de Contas revisará 173 actuacións do Concello contrarias a Intervención
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Unanimidade na corporación de Pontevedra para aprobar as contas locais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
María Biempica pedirá "diálogo e consenso" para deseñar unha planificación estratéxica da cidade a longo prazo
Por Redacción |
-
O PP denuncia 206 irregularidades do goberno de Lores que non trasladará á Fiscalía
Por Redacción |
-
O Concello engade un millón de euros ao orzamento 2014 para novos investimentos
Por Redacción |
-
Unha nova sentenza obriga o Concello a pagar 1,2 millóns de euros a Sogama
Por Redacción |