María Biempica pedirá "diálogo e consenso" para deseñar unha planificación estratéxica da cidade a longo prazo
Por Redacción
Máis alá do partido que goberne, Pontevedra necesita unha visión estratéxica da cidade cun horizonte a longo prazo. Así o cre a concelleira non adscrita, María Biempica, que presentará unha moción para instar á corporación municipal ao deseño dunha planificación e xestión estratéxica "que permitan pactar unhas pautas mínimas coas que todos nos sintamos identificados". Todo iso coa colaboración de sectores económicos e sociais da cidade.
María Biempica explicou que moitas outras cidades, entre as que citou San Francisco ou Barcelona, apostaron por este instrumento de xestión urbana. Con esta moción, asegura que quere invitar a todos os grupos políticos a participar en conxunto coas forzas vivas da cidade nesta planificación a longo prazo "que aínda non temos e que é unha necesidade imperiosa e inaprazable".
Entende que o órgano que estaría "lexitimado" para asumir este labor sería o Consello Económico e Social (CES), ao contar con representatividade de todos os estamentos da sociedade pontevedresa.
A concelleira non adscrita, que asegurou estar de acordo co modelo urbano aplicado en Pontevedra, bota en falta que este vaia máis alá e que se senten as bases para a renovación do modelo produtivo e industrial. Cre que os cambios económicos, políticos e sociais dos últimos anos obrigan a "repensar ou redefinir" as liñas estratéxicas da xestión da cidade. "Somos nós os que temos que asumir ese desafío", dixo.
HORTA URBANA EN VALDECORVOS
A segunda moción que presentará María Biempica no pleno será para solicitar a instalación dunha horta urbana en Valdecorvos. Entende que se podería utilizar un terreo de 28.000 metros cadrados que é propiedade municipal, un terreo "apto para o cultivo e cunha calidade excelente". Trátase dunha parcela, dixo, que actualmente está en estado de abandono e que podería ser proveitosa para moitos cidadáns de Pontevedra.
Relacionadas:
-
María Biempica acusa o PP de intentar excluíla de cinco consellos escolares
Por Redacción |
-
Respaldo unánime ás mocións de Biempica e só do PP ás demandas dos 'anticrematorios'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores cre que o PP só intenta facer "algo de barullito" coas súas críticas ás contas municipais
Por Alejandro Espiño |