25 anos do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, nova exposición nos cubos da Ferrería
Por Alejandro Espiño
Pasada a Feira Franca, os cubos da praza de Ourense retoman a súa actividade expositiva. Fano cunha mostra que conmemora o 25 aniversario do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, unha asociación que naceu en 1989 para defender os intereses dos comerciantes do centro histórico, onde había un total de 246 establecementos por aquel entón, e potenciar o consumo nesta zona da cidade.
A exposición, que foi inaugurada este xoves polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román; e o presidente de Zona Monumental, Miguel Lago; recolle nos seus paneis os principais fitos dun colectivo de comerciantes que entenderon que necesitaban unirse para ser máis fortes e que as súas demandas fosen escoitadas polo goberno municipal.
Naquel momento, recordan desde a asociación, os problemas que preocupaban aos comerciantes eran a falta de aparcamento e de seguridade, pois drogadictos e camellos tiñan invadidas rúas e prazas. A continua decadencia da Zona Monumental leváraa a converterse nun lugar rexeitado, con cada vez menos clientela, e por iso os comerciantes quixeron dar un xiro á xestión dos seus establecementos, mellorando a atención ao cliente e dinamizando as rúas.
Cunha nova mentalidade, comezaron a facer campañas publicitarias en conxunto, levaron exposicións e actos culturais ás súas rúas e prazas e xestionaron subvencións e axudas públicas en beneficio de todos os comerciantes. Durante estes 25 anos, a asociación, convertida desde 2003 en Centro Comercial Urbano, impulsou numerosas actividades de dinamización do centro histórico que aínda se seguen a celebrar.
Na mostra tamén se fai un percorrido polo proceso de peonalización do centro histórico, que se fixo realidade en agosto de 1999, e que supuxo un cambio absoluto na concepción de todo este espazo, converténdoo, segundo se recorda nun dos paneis, nunha das zonas comerciais máis atractivas da cidade, cun potencial económico aínda en crecemento e o lugar máis recomendado polos propios veciños para amigos, visitantes e turistas.
Relacionadas:
-
A Ferrería, eixo central das xornadas municipais de historia que recupera o Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra presume de factoría musical cunha exposición nos cubos da Praza de Ourense
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O 110 aniversario da Banda de Música conmemórase na Ferrería
Por Mónica Patxot |