Pontevedra presume de factoría musical cunha exposición nos cubos da Praza de Ourense
262 grupos e máis de 1.000 músicos ensaiando nas súas instalacións dende a súa posta en marcha. Son algúns dos datos que avalan o éxito do Local de Música de Pontevedra. Toda unha factoría cultural da que presumir. Ese é o obxectivo da exposición que se inaugurou este luns nos cubos da Praza de Ourense. Trátase dunha mostra que fai un percorrido pola escena musical emerxente na cidade.
A partir das fotografías realizadas por Carlos Pereiro Fernández e estampas históricas de diversas procedencias, a exposición Rock & Lérez pretender sacar á luz unha escena musical "que transcorre soterrada, no underground", segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera. Demostrar que "non son só un grupo de rapaces que saen aí e tocan, senón que hai moito máis, son xente que traballa todo o ano".
En cada un dos 'cubos' que forman a exposición explícase o traballo do Local de Música de Pontevedra e móstranse imaxes de concertos e eventos nos que participaron moitos dos grupos que ensaiaron nel e que contan, en gran parte dos casos, con discos xa publicados e unha nova carreira musical que chamou a atención do público e da prensa especializada.
Ademais desta parte máis actual, a exposición complétase cun percorrido pola historia do rock na cidade de Pontevedra, porque Demetrio Gómez recordou que antes destes grupos "houbo avós e houbo pais" que achandaron o camiño para a actual escena musical. Hai espazo para os primeiros roqueiros como Los Drakkars, La Camiseta ou Áspid e para a movida dos 80 que, aínda que máis tímida que noutras cidades, deixou tamén pegada en Pontevedra.
Esta exposición poderase visitar ata o próximo 12 de agosto.
Relacionadas:
-
O Local de Música vai converterse en plató de gravación de vídeos para Youtube dos grupos locais
Por Redacción |
-
A 'rockipedia' e un canal de Youtube: a escena musical de Pontevedra, á conquista da rede
Por Alejandro Espiño |
-
25 anos do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, nova exposición nos cubos da Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
As bandas locais toman as prazas do centro histórico, volven os 15 Bolos
Por Oskar Viéitez |