Rajoy e Gómez Noya, de ruta xuntos por Ribadumia para animar a practicar deporte
Por Redacción
O triatleta Javi Gómez Noya coñeceu este sábado a Ruta da Pedra e da Auga da man dun guía particular, o presidente do Goberno. Mariano Rajoy, que a percorre a diario durante os seus días de vacacións de verán en Ribadumia, mostroulla nun paseo matinal co que ambos os dous buscaban animar á práctica do deporte e a promoción dos hábitos de vida saudable.
"El ejercicio físico es bueno para el cuerpo pero es bueno también para mantener el equilibrio, y todo el mundo debería hacerlo. A veces parece que sea una esfuerzo pero, por suerte, cada vez hay mas gente que lo hace", sinalou Rajoy aos medios ao termo da camiñada.
Gómez Noya, pola súa banda, quixo "animar a la gente a que haga deporte y conozca estas rutas naturales preciosas que tenemos en Galicia". Recoñeceu que "caminar no es mi fuerte", que el prefire correr, e que nunca antes se deixara caer por esta ruta de sendeirismo que Rajoy percorre a diario a pesar de que si pasou polas inmediacións "miles de veces" en bicicleta.
O triatleta, que está a preparar actualmente o próximo campionato do mundo, e Rajoy compartiron un paseo a bo ritmo co secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa. O tamén marido da ministra de Fomento, Ana Pastor, repite ruta a diario acompañando a Rajoy.
Tras reunirse no medio da ruta en presenza dos medios de comunicación, os catro 'camiñantes' percorreron varios quilómetros charlando en solitario e remataron o paseo no ámbito do santuario de Armenteira, onde realizaron declaracións aos xornalistas. Rajoy repite rutina a diario dende que chegou a Galicia o sábado 9 de agosto, xa que repite aloxamento de vacacións en A Casa de Alicia de Ribadumia.
Relacionadas:
-
Rexeitan a proposta do PP de mellorar a "Ruta do Presidente", por onde pasea Rajoy no Salnés
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rajoy non volverá a casa polo Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
Suma e segue para Gómez Noya, campión do Mundo de medio Ironman
Por Redacción |
-
Cuarto título mundial para Javier Gómez Noya tras finalizar terceiro en Edmonton
Por Redacción |
-
Gómez Noya retírase en Estocolmo pero mantense líder a falta da Gran Final
Por Redacción |