Rexeitan a proposta do PP de mellorar a "Ruta do Presidente", por onde pasea Rajoy no Salnés
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O deputado do Partido Popular Luís Aragunde defendía este venres no pleno da Deputación unha moción na que solicitaba o goberno provincial a mellora dos sendeiros do Salnés alegando que eran coñecidos como "Ruta do Presidente" ao tratarse dos camiños que utiliza Mariano Rajoy para pasear e realizar deporte cada vez que se atopa pola contorna de Ribadumia.
Aragunde manifestou que estes camiños estaban "collendo moita fama" e que numerosas persoas achegábanse ata a zona para facer a "Ruta do Presidente". A expresión provocou a reacción dos deputados do PSOE e do BNG.
César Mosquera, portavoz do Bloque, foi o primeiro en dar a réplica ao deputado popular indicándolle que estivera "un tanto desafortunado" co termo "Ruta do Presidente" e ironizou sobre "ese pontevedrés de pro que nunca tivo a ben visitar o Concello de Pontevedra" desde que foi elixido presidente do Goberno. O deputado nacionalista tamén alegou que ningún alcalde do Salnés pedira ese arranxo do sendeiro porque "son bastante máis sensatos". Mosquera ademais lamentou o localismo da moción: "Non pensen só no seu chiringo".
"Parece que había que porlle unha alfombra vermella e banda de música"
Tamén o Partido Socialista, a través de David Regades, lamentou a exposición de Luís Aragunde reclamando a mellora do carreiro que utiliza Rajoy. "Parece que había que porlle unha alfombra vermella e banda de música", afirmou para, a continuación, preguntar ao grupo popular polos investimentos que realizara o goberno de Mariano Rajoy na provincia indicando que "para ser pontevedrés haberá que demostralo". O deputado socialista indicou que, en todo caso, a moción tería que referirse a todos os sendeiros e non só aos do Salnés.
Aragunde replicaba alegando que era deputado polo Salnés e instaba a enviar as brigadas provinciais do Parque de Maquinaria que, segundo expuxo, atópanse paralizadas para arranxar estes tramos.
O enfrontamento dialéctico rematou derivando nunha discusión sobre o apoio do goberno provincial á Ruta do Viño, que provocou a intervención da presidenta provincial Carmela Silva, que apuntou que desde a Deputación Provincial están a centrarse en Cambados como Cidade Europea do Viño en lugar de pagar "facturas para comilonas" e denunciou que co goberno de Louzán as brigadas do Parque de Maquinaria utilizábanse irregularmente para traballar nas Pousadas do Salnés.
A moción popular de mellorar a "Ruta do Presidente" foi rexeitada polo PSOE e o BNG, mentres que o grupo mixto abstívose na votación.
Relacionadas:
-
Rajoy, fiel á súa cita coa Ruta da Pedra e da Auga tamén en Aninovo
Por Redacción |
-
Rajoy e Gómez Noya, de ruta xuntos por Ribadumia para animar a practicar deporte
Por Redacción |
-
Mariano Rajoy despide as súas vacacións cun paseo 'con cámaras, pero sen micros' por Ponte Arnelas
Por Alejandro Espiño & Aitana Vidal |