Mariano Rajoy despide as súas vacacións cun paseo 'con cámaras, pero sen micros' por Ponte Arnelas
Por Alejandro Espiño & Aitana Vidal
Mariano Rajoy comezou as súas vacacións 'correndo' pola Ruta da Pedra e da Auga de Armenteira e acábaas paseando polo sendeiro do río Umia ao seu paso por Ponte Arnelas. Aínda que a diferenza do primeiro día, o presidente do Goberno fíxoo moito máis acompañado. Durante o paseo por esta contorna natural, duns 800 metros de lonxitude, arroupouno unha nutrida representación do Partido Popular.
Nun dos seus últimos días de vacacións, Rajoy deixouse fotografar en compañía, entre outros, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Fomento, Ana Pastor; varios conselleiros do goberno galego como Jesús Vázquez, Alfonso Rueda, Rosa Quintana ou Agustín Hernández; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; ou numerosos alcaldes e deputados populares.
Iso si, sen realizar ningún tipo de declaración aos xornalistas, aos que apenas permitiron achegarse á comitiva que rodeaba ao presidente do Goberno. Rajoy, que chegou no mesmo coche que Alberto Núñez Feijóo e Rafael Louzán, elixiu este enclave, preto de onde comezará este sábado a Vuelta Ciclista a España, para deixarse ver pola zona. Ademais, tiña prevista unha comida privada con varios dirixentes despois do paseo deste mediodía.
Este paseo de Mariano Rajoy por Ribadumia é unha das escasas aparicións públicas que o presidente do Goberno protagonizou desde que comezou as súas vacacións en A Casa de Alicia, un establecemento de turismo rural onde se aloxou durante varias semanas coa súa familia e cunha axenda privada que o mantivo á marxe dos medios de comunicación, salvo contadas excepcións.
Estas vacacións pontevedresas de Rajoy, que este ano apenas puido gozar do seu piso en Sanxenxo ao optar por unha estancia máis tranquila, conclúen esteafin de semana. O luns retomará a súa axenda oficial e o vindeiro venres presidirá o primeiro Consello de Ministros tralo descanso estival. Pero non estará lonxe de Pontevedra moito tempo. Regresará o vindeiro sábado 31 de agosto para inaugurar o curso político no castelo de Soutomaior.
Relacionadas:
-
Rexeitan a proposta do PP de mellorar a "Ruta do Presidente", por onde pasea Rajoy no Salnés
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rajoy xa descansa no seu Nadal pontevedrés
Por Redacción |
-
Rajoy inaugurará o curso político, un ano mais, desde o Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
Rajoy veraneará nunha casa illada de Ribadumia con 3.200 metros de xardín, piscina e vistas sobre a ría de Arousa
Por Natalia Puga |