A rotura dunha tubaxe da subministración en Pontevedra deixa sen auga a Marín e Bueu
Por Redacción
Técnicos da empresa Viaqua traballan desde primeira hora da mañá para solucionar a rotura dunha tubaxe de auga potable en Pontevedra que causou a falta de subministración aos concellos de Marín e Bueu. Logo de supervisar toda a tubaxe central de abastecemento, a avaría foi localizada na galería de servizo, na avenida das Corbaceiras, antes de chegar a praza do Gremio dos Mareantes.
Trátase dunha rotura na tubaxe de 500 milímetros que subministra a Marín e Bueu. Viaqua tivo que facer uso de mergulladores para localizar a avaría, dado que a galería de servizo neste punto está anegada.
Unha vez localizada e logo de visualizar a rotura a través dunha gravación realizada polos mergulladores, cortaron o abastecemento neste punto da rede, e comezaron a cargar a tubaxe de 200 metros cúbicos que abastece ao núcleo de Estribela para que a auga puidera chegar aos núcleos máis altos de Marín. De feito, os lugares máis afectados foron as parroquias de Seixo e Loira, segundo informa o propio concello marinense.
Aínda que se fixeron todos os esforzos para tratar de iniciar a reparación de inmediato, a intendencia e a maquinaria necesaria non estará dispoñible ata o luns. Será preciso seccionar con maquinaria pesada a galería de servizos, construída con formigón armado, para logo evacuar a auga e iniciar coa reparación. Segundo as estimacións da empresa, os traballos durarán, polo menos, tres ou catro días.
Tanto os técnicos de Viaqua como os responsables dos concellos de Pontevedra, Marín e Bueu, ante a demora que terán as obras de reparación, tiveron como prioridade garantir o abastecemento de auga, aínda que fose por vías alternativas como finalmente se fixo. Para que non se produciran cortes drásticos estase a empregar auga procedente, entre outros, da Escola Naval e de acuíferos naturais.
Nun comunicado remitido aos medios, o Concello de Pontevedra confía en que a avaría se solucione canto antes e evitar inconvintes aos veciños de Marín e de Bueu que reciben a auga do Lérez a través desta tubaxe. Todas as partes están en contacto permanente para ter datos en tempo real da situación para identificar os posibles problemas que poidan xurdir nas próximas horas.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín xustifica que un traballador do Concello ingresara 17.400 euros en horas extra
Por Redacción |
-
Restablecido o servizo de auga a Marín
Por Redacción |
-
Seixo e Loira reciben auga cada tres horas tras a instalación de bombeos nos depósitos municipais
Por Redacción |
-
Dous ou tres días máis de cortes de auga pola avaría na rede de abastecemento
Por Alejandro Espiño |
-
Calculan que unhas 5.000 persoas víronse afectadas pola avaría da auga en Pontevedra
Por Redacción |