Calculan que unhas 5.000 persoas víronse afectadas pola avaría da auga en Pontevedra
Por Redacción
Un máximo de 5.000 persoas. ÿ a cantidade de xente que, segundo cálculos do Concello de Marín, se viu afectada pola avaría na condución de auga potable dende Pontevedra. Trátase principalmente de habitantes de Seixo e Loira, lugares onde non hai auga da traída xeral e se lles está a abastecer durante varias horas ao día mediante outros depósitos situados no municipio e a subministración que achega a Escola Naval.
Os servizos técnicos tratan así de intentar amortecer os cortes producidos en dúas zonas do municipio cuxa poboación crece exponencialmente en época estival, debido ao gran número de veraneantes que se trasladan a elas. Ademais, búscase que as necesidades de auga dos veciños se vexan alteradas o menos posible.
Nestes momentos, Pontevedra segue abastecendo auga a Marín e Bueu dende a canalización en alta que se subministra dende a condución do Lérez. Pero faino dende un diámetro inferior ao habitual. En consecuencia, a menor presión da auga "é o que máis se nota neste momento", segundo o goberno municipal de Marín.
Tanto Marín coma Pontevedra recordan que a avaría xa foi localizada polos mergulladores contratados pola empresa Viaqua. Está situada na zona das corbaceiras. Os danos nas canalizacións son importantes e a súa reparación non poderá comezar ata este luns, porque se necesitan uns materiais e unha maquinaria específica. Espérase que estes traballos se prolonguen un par de días.
Mentres tanto, ambos os dous concellos manterán o operativo que coordinación que se despregou para analizar ao minuto a situación creada por esta avaría. Realizarase tamén un control periódico de todos os depósitos que poidan abastecer de auga a Marín. Con todo iso, esperan que poidan volver á normalidade o antes posible e que os problemas de abastecemento non rematen por chegar ao centro urbano do municipio.
Relacionadas:
-
Restablecido o servizo de auga a Marín
Por Redacción |
-
Seixo e Loira reciben auga cada tres horas tras a instalación de bombeos nos depósitos municipais
Por Redacción |
-
Dous ou tres días máis de cortes de auga pola avaría na rede de abastecemento
Por Alejandro Espiño |
-
A rotura dunha tubaxe da subministración en Pontevedra deixa sen auga a Marín e Bueu
Por Redacción |