A alcaldesa de Marín xustifica que un traballador do Concello ingresara 17.400 euros en horas extra
Por Redacción
O sindicato CSIF denuncia que un operario do servizo de auga do Concello de Marín cobrou durante 2014 unha cantidade que supera os 17.418 euros en concepto de horas extra. Só durante o pasado mes de setembro a cifra que recibiu por servizos extraordinarios fóra da xornada habitual de traballo ascendeu a máis de 3.800 euros.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xustifica este pagamento en que o concello conta con máis de 25.000 habitantes cun servizo de augas e obras sen privatizar e un déficit funcional no equipo porque é imposible dotala de máis persoal nestes momentos. Sinala que se trata dun dos poucos concellos que non conta cunha concesión a unha empresa privada deste servizo.
Ramallo indica que durante máis de vinte anos non se adecuou o equipo municipal ás necesidades do municipio. A través dun comunicado, a alcaldesa explica que a avaría forte na auga do pasado mes de agosto tivo en vilo o servizo e os operarios conseguiron atallar un "gran problema que afectou a toda a zona urbana de Marín e de Seixo" durmindo poucas horas e traballando pola noite para nivelar os depósitos e dar auga a determinadas zonas. Unha semana máis tarde houbo unha rotura no bombeo de impulsión en Loira que tivo que resolverse en horario nocturno.
A rexedora de Marín afirma que estas horas extraordinarias veñen realizándose dende hai máis dunha década e matiza que "é precisamente nestes momentos onde se denuncian, aínda que a diferenza é que antes se se puido aumentar o persoal e agora é imposible por estar conxelada". Engade que "as denuncias e o alarmismo proveñen dun delegado sindical que foi no seu día expedientado" e sinala que conta cunha sentenza firme no seu contra "dándolle a razón ao concello, pola súa falta de traballo, dedicación, por negarse a traballar e non respectar os seus superiores".
María Ramallo finaliza o escrito indicando que o goberno local estuda os custos para poder encargar traballos externamente e que adoptarán unha decisión cando teñan os datos económicos enriba da mesa.