Os usuarios de Nauta Sanxenxo terán descontos do 50% nas tarifas de 58 portos internacionais
Por Redacción
Os usuarios de Nauta Sanxenxo poderán obter descontos do 50% nas tarifas de tránsito de 58 portos de sete países, debido a que TransEurope Marinas aceptou o ingreso do Porto Deportivo Juan Carlos I nesta organización integrada por radas do Reino Unido, Francia, Bélxica, Irlanda, España, Portugal e Países Baixos.
"Isto supón unha vantaxe moi importante para os cesionarios das prazas de amarre que xestiona Nauta, e así o entendemos no momento e que iniciamos os contactos para tentar formar parte desta organización cando participamos nos principais salóns náuticos de Francia", sinalou a alcaldesa e presidenta de Nauta Sanxenxo, Catalina González.
A empresa pública entregará unha tarxeta de socio aos propietarios de embarcacións con amarre habitual no porto de Sanxenxo que lles vai permitir, durante cinco días ao ano, abonar a metade da taxa estipulada nos portos asociados que visiten.
Os portos de Sanxenxo e A Coruña forman parte deste club ao igual que os de Gijón, La Línea, Valencia, Barcelona, Lanzarote e La Palma.
MARINAS DE GALICIA
Esta iniciativa súmase ao pasaporte gratuíto ofrecido polos portos integrantes da Asociación Marinas de Galicia. Os usuarios de calquera dos portos promotores desta iniciativa teñen acceso a descontos tanto nas tarifas dos atraques coma nas demais prestacións das instalacións de Sanxenxo, Vigo, A Coruña, Sada, Viveiro, Vilagarcía de Arousa, A Pobra, Muxía e Muros.
Desta forma, os viaxeiros en tránsito poden obter rebaixas nos prezos polo uso da mariña seca, o travel lift e as prazas de amarre.