As contas de Nauta saen a flote
Por Redacción
O consello de administración de Nauta Sanxenxo deu o visto e prace na reunión mantida este luns ás contas correspondentes ao exercicio 2013 no que a sociedade municipal encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I incorreu por primeira vez en inestabilidade presupostaria.
O feito de que a empresa pública afrontase nun só pagamento os máis de 850.000 euros que se viron obrigada a aboar a Portos de Galicia motivou esta situación "que xa estamos reconducindo este ano", confirmaron os responsables locais.
A contía ingresada ao ente autonómico foi motivada pola multa que impuxo no seu día ao construtor do equipamento ao ter executado máis metros dos proxectados no espigón. O acordo de compra subscrito naquel momento pola Administración local incluía a asunción da sanción, polo que Nauta pagou a totalidade do importe o ano pasado.
"A isto hai que engadir que en 2013 realizamos grandes investimentos no porto en prol de mellorar os servizos que prestamos aos usuarios e coa finalidade de manter o seu posicionamento como equipamento punteiro", apuntaron dende Nauta. A remodelación e substitución de peiraos, a creación da lavandaría, a reforma da praza do Mar e o acondicionamento integral do aparcadoiro foron algunhas das actuacións levadas a cabo ao longo de 2013.
"Todos os datos de xestión do que vai de 2014 xa reflicten que se retoma a estabilidade"
"O resultado negativo do anterior exercizo é totalmente circunstancial e así llo trasladaremos a xunta xeral de Nauta que convocaremos para ou luns", apuntaron dende o Executivo sanxenxino, ao tempo que aseguraron que "todos os datos de xestión do que vai de 2014 xa reflicten que se retoma a estabilidade conforme transcorren os meses".
Tendo en conta ademais que a sociedade pública aboou en xullo a última cota do crédito concertado para a compra do porto, "a nosa intención e concertar unha nova liña de financiamento para acometer a rexeneración da praia de Carabuxeira, que terá un custe superior ao millón de euros, tentando manter a estabilidade orzamentaria", aseguraron os representantes de Nauta.
Relacionadas:
-
Nauta Sanxenxo supera o desequilibrio económico de 2013 e pechará o ano con superávit
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo pedirá un crédito para financiar a rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
O parking de Nauta Sanxenxo bateu en agosto o récord de recadación desde a súa apertura en 2005
Por Redacción |
-
Os usuarios de Nauta Sanxenxo terán descontos do 50% nas tarifas de 58 portos internacionais
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo liquidará a final de mes o crédito bancario concertado para mercar o porto
Por Redacción |