Nauta Sanxenxo liquidará a final de mes o crédito bancario concertado para mercar o porto
Por Redacción
Catalina González, alcaldesa e presidenta de Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, confirmou que a finais deste mes quedará saldada a débeda contraída no seu día para a compra do porto, que tivo un custo superior aos 6 millóns de euros "dos que os veciños e veciñas non tiveron que achegar un euro xa que esta operación financiouse coa propia xestión do porto".
De feito, segundo asegurou Catalina González, o Concello de Sanxenxo tan só contribuíu con 30.000 euros para constituír o capital social de Nauta.
Á súa vez, a rexedora local adiantou que esta empresa pública concertará unha nova operación de crédito de máis dun millón de euros destinada a acometer o proxecto de rexeneración de Carabuxeira.
"De tódolos xeitos, os servizos xurídicos estudan si a asunción dese importe lle corresponde á sociedade municipal que é concesionaria das instalacións ou llelo reclamaremos a Portos de Galicia como titular", comentou a alcaldesa.
"Fixemos unha xestión transparente e impecable", subliñou a rexedora
Así, durante a presidencia de Catalina González, Nauta Sanxenxo terá liquidado o préstamo solicitado para comprar o porto e cumprido co pagamento de taxas a Portos de Galicia, ente autonómico ao que houbo que ingresar os 800.000 euros correspondentes á sanción imposta naquel momento pola Xunta de Galicia dado o exceso de obra no equipamento e que houbo que asumir cando se adquiriu.
"Fixemos unha xestión transparente e impecable", subliñou a rexedora recordando que todas as accións emprendidas por Nauta Sanxenxo pasan polo seu Consello de Administración, do que forman parte membros do Goberno local así como persoas externas. Todos eles realizan este labor sen recibir prestación económica ningunha a pesar de que, ao tratarse dunha sociedade mercantil, son responsables civís e subsidiarios podendo chegar mesmo a responder co seu patrimonio.
Relacionadas:
-
Nauta Sanxenxo supera o desequilibrio económico de 2013 e pechará o ano con superávit
Por Redacción |
-
As contas de Nauta saen a flote
Por Redacción |
-
Os usuarios de Nauta Sanxenxo terán descontos do 50% nas tarifas de 58 portos internacionais
Por Redacción |
-
266 barcos entraron e saíron do porto deportivo de Sanxenxo en seis meses
Por Redacción |
-
Contratan seguridade privada para reforzar a labor policial no Porto Deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |