266 barcos entraron e saíron do porto deportivo de Sanxenxo en seis meses
Por Redacción
O Porto Deportivo de Sanxenxo rexistrou durante o primeiro semestre deste ano 266 movementos de barcos. O vicepresidente de Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal encargada da xestión do porto, Salvador Durán, valora positivamente este dato e destaca que se debe a que "o equipamento municipal dispón duns servizos de referencia e conta cunhas características diferenciadoras que son decisivos á hora de utilizar o varadoiro".
Salvador Durán incidiu en que se trata dun dos portos de maior calado de Galicia, "o que propicia que haxa un abano máis amplo de uso por parte de embarcacións de distintas esloras" e sinalou que a actividade que xera ten unha repercusión importante na economía local ao ser base dunha ducia de empresas do Concello que operan neste espazo.
O vicepresidente de Nauta Sanxenxo adiantou que a actividade na primeira metade do ano no varadoiro supuxo só para Nauta uns ingresos superiores aos 30.000 euros, ademais da incidencia económica en empresas locais e o que supón en canto a xeración de emprego.
Os datos achegados dende Capitanía apuntan a que nos seis primeiros meses de 2014 un total de 91 barcos recalaron en Sanxenxo, dos que o 40% luciron bandeira doutros países. Das 37 embarcacións foráneas que escolleron o Porto Deportivo, a maioría delas eran francesas, concretamente 15.
O equipamento albergou tamén sete barcos holandeses, cinco irlandeses, tres británicos, dous estadounidenses, dous alemáns, un australiano, un belga e outro suízo. Ademais, outros 54 barcos, neste caso españois, atracaron temporalmente nas prazas das que dispón a sociedade municipal para tránsitos e que suman 364,5 metros.