As Rías Baixas acollerán no 2015 o I Concurso internacional dos Viños Atlánticos
Por Redacción
56 adegas españolas foron recoñecidas no Concurso Mundial do Viño de Bruxelas, un certame no que os viños galegos lograron sete medallas de ouro e 26 de prata. Por primeira vez, a entrega dos premios non se fixo na cidade belga. O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este luns o acto oficial, que contou co presidente do comité organizador, Baudoine Havaux, e representantes das entidades galardoadas.
O Concurso Mundial do Viño de Bruselas goza de prestixio e recoñecemento mundial. O seu xurado está formado por profesionais do sector: catadores, enxeñeiros, enólogos, xornalistas, escritores, compradores e operadores internacionais, sumilleres e expertos do mundo vitivinícola. ÿ considerado como o auténtico campionato mundial do viño. E nel, segundo Havaux, os viños da D.O. Rías Baixas acadaron unha porcentaxe de premios moi superior á media dos viños españois.
Segundo avanzou Rafael Louzán, este acto celebrado en Pontevedra é a antesala da celebración nas Rías Baixas o vindeiro ano do I Concurso dos Viños Atlánticos. Con este novo certame a Deputación quere liderar un plan de captación de fondos europeos no que se involucren as comunidades do Atlántico nun proxecto de turismo enolóxico, sostible e gastronómico que consolide a Dieta Atlántica e os Viños do Atlántico.
Ademais, búscarase potenciar e dar unha mellor proxección a uns viños, de gran calidade pero pouco recoñecidos aínda internacionalmente pola falsa idea de que os viños españois circunscríbense ás denominacións de orixe da Rioja, Ribera de Duero ou Castilla-La Mancha.
Louzán destacou que o sector do viño é un dos máis importantes na agricultura española non só polo valor económico que xenera senón tamén pola poboación que ocupa e polo papel que desempeña na conservación do medio. En España, a industria vitícola está formada por 4.300 empresas, o 14% da industria alimentaria. A súa cifra de negocio ronda os 5.500 millóns de euros e o sector supón o 1% do PIB español.
Según dixo, o Concurso dos Viños Atlánticos que se organizará en colaboración co Concurso Mundial do Viño de Bruselas, quere ser unha oportunidade para redobrar a calidade do sector, potenciar os seus procesos de internacionalización e reforzar a súa posición no mercado nacional e internacional. Un paso máis, sinalou, "na tarefa de renovar a nosa tradición vitivinícola, actualizala, potenciala e poñela en valor".
O viño albariño, que leva cultivándose dende o século XII nas Rías Baixas, ocupa hoxe a máis de 10.000 familias e produce en torno ao 20 millóns de litros anuais dos que máis de cinco van para a exportación.