Ponte Caldelas instalará cinco novos parques biosaludables nas parroquias do municipio
Por Redacción
Cinco novos parques biosaludables instalará Ponte Caldelas nos próximos días. Estes aparatos para a práctica deportiva chegarán á Insua (na área recreativa que hai na zona de Carreira Ancha), Anceu (xunto á Casa do Pobo), Regodobargo (ao lado do parque infantil), Mirón (na carballeira), Silvoso de Abaixo (anexo ao parque infantil existente no lugar) e Laxoso, tamén xunto ao parque infantil que hai ao lado da Casa do Pobo.
Os lugares escollidos polo Concello de Ponte Caldelas para instalar estes aparatos están especialmente relacionados con espazos onde xa existe un parque infantil ou onde teñen lugar as celebracións festivas parroquiais co fin de que queden integrados naquelas zonas de uso habitual dos veciños.
Os elementos que se instalarán están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios, tendo en conta tamén aqueles exercicios de recuperación e rehabilitación tan necesarios a certas idades ou para tratar diversas doenzas.
O Concello de Ponte Caldelas ten previsto continuar coa instalación de máis parques biosaludables noutras as parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparatos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que pouco a pouco todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo.
Estes parques biosaludables, sinala o goberno municipal, son cada vez máis demandados pola poboación toda vez que axudan ao mantemento físico das persoas maiores ao tempo que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretemento existente nos diferentes lugares do municipio.