Caritel inaugura un parque biosaudable na Carballeira da Chan
Por Redacción
Os veciños de Caritel xa contan cun parque biosaudable. O lugar elixido para a súa ubicación está integrado nunha paraxe natural excepcional, a Carballeira da Chan, onde xa existía un parque infantil e onde se celebran as celebracións festivas parroquiais. Os elementos instalados están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás súas necesidades psicomotrices.
Na súa inauguración, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou que o motivo de instalar este parque biosaudable na Carballeira da Chan é porque é unha zona onde tamén existe un parque infantil e así se reforza o obxectivo de que nestas áreas recreativas no rural exista interrelación entre as distintas xeracións que viven na zona: avós, pais e nenos.
Perfecto Rodríguez tamén felicitou aos veciños de Caritel por aproveitar esta inauguración para celebrar un aperitivo vecinal que serviu para estreitar aínda máis os lazos de amizade existentes nesta parroquia, ao mesmo tempo que foi unha escusa perfecta para estrear os aparellos instalados na Carballeira da Chan.
O Concello de Ponte Caldelas seguirá o próximo ano, en colaboración co Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra, a instalación de máis parques biosaudables noutras parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparellos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que aos poucos todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo.
Estes parques biosaudables axudan ao mantemento físico das persoas maiores á vez que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretenimiento existente nos diferentes lugares do municipio. Forma parte, sinala o goberno local, da política de descentralización de servizos e oportunidades de lecer que está realizando o Concello de Ponte Caldelas nos últimos meses.
Relacionadas:
-
Instalan dous novos parques biosaudables en Pazos e Buchabade
Por Redacción |
-
Cinco novos parques biosaudables en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas instalará cinco novos parques biosaludables nas parroquias do municipio
Por Redacción |
-
Un novo parque biosaudable en Silvoso súmase á oferta de lecer en Ponte Caldelas
Por Redacción |