Combarro regresará á Idade Media esta fin de semana para celebrar un novo "Día de Colón"
Por Redacción
Combarro ultima os preparativos para a celebración da quinta edición da súa festa medieval, o Día de Colón. O evento regresa ao formato dos seus primeiros anos e celebrarase durante dous días, o venres 27 e o sábado 28 de xuño. As asociacións Combrus, Mare Podium, Vides Novas e ACEP, organizadoras desta cita, explicaron na súa presentación que o cambio de debe a que "a xente adoita gozar máis os venres e os sábados que os domingos".
A festa comezará o venres coa tradicional chegada da nave Santa María con Cristóbal Colón e a súa tripulación. A comitiva sairá do ámbito do río Cela e percorrerá a PO-308 ata chegar á Praza da Chousa. Durante toda a xornada abrirá o mercado artesanal e celebraranse talleres demostrativos, espectáculos de cetraría ou obradoiros de tiro con arco. O pregoeiro nesta ocasión será o humorista Xan Veiga.
O sábado, xornada grande deste Día de Colón, as actividades comezarán ás once da mañá coa apertura do mercado artesanal, os talleres de ferraría, olaría e cantarería ou a exposición de cetraría. Ademais, os asistentes poderán achegarse ao mundo do tiro ao arco e a esgrima antiga e grupos de música tradicional e de batucada percorrerán as rúas acompañados de malabaristas e zancudos.
Xa pola tarde, aqueles que asistan vestidos de época medieval poderán participar na tradicional carreira de barrís e nos lanzamentos de alpacas. As escolas deportivas de ximnasia rítmica de Saraiba realizarán un baile medieval, ao igual que un grupo de veciños de Poio; mentres que a partir das nove da noite haberá sesións de teatro afeccionado e un espectáculo musical como fin de festa.
A todo iso hai que sumar que os locais de hostalaría de Combarro xa teñen os seus menús medievais e se poden realizar as correspondentes reservas.
Os organizadores da festa, que conta coa colaboración de Concello de Poio, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, esperan bater este ano o récord de asistentes, ao apuntar que cada ano os veciños de Poio se identifican máis con este evento e coa teoría da orixe galega do coñecido conquistador.