O Día de Colón conquista Combarro
Por Redacción
Combarro volveu participar durante este venres 27 e na xornada deste sábado 28 dun salto temporal regresando ao medievo con motivo da celebración do Día de Colón.
Durante este sábado, o mercado artesanal contou con talleres de ferraría, olaría, cantería e unha exhibición de cetraría con aves que provocaron a curiosidade dos visitantes.
Os máis hábiles tiveron oportunidade de realizar prácticas de tiro de arco e de esgrima antiga, ademais de participar na carreira de barrís e nas competicións de lanzamento de alpacas. A festa estivo amenizada por grupos de música tradicional e de batucada coa presenza de malabaristas e pernilongos.
A últimas horas da tarde, as escolas deportivas de ximnasia rítmica de Saraiba realizaron unha mostra de baile medieval coa participación de cincuenta bailarinas que deron paso ás actuacións de veciños de Poio con representacións teatrais. As prazas da Chousa e do Alcalde convertéronse en escenarios de xogos infantís cambiando o seu nome polo de Portosanto e Almirante.
Segundo os organizadores, esta celebración que cada ano conta con máis repercusión está a axudar a potenciar a imaxe cara ao exterior de que Cristóbal Colón era natural do lugar de Portosanto en Poio.