Ábrese o prazo de inscrición para participar no Día de Colón
Por Redacción
Os organizadores de "O Día de Colón" xa están perfilando o programa definitivo da quinta edición da festa medieval que reivindica a orixe galega do descubridor de América.
Este evento, que xa está claramente consolidado e cun grande éxito de participación e colaboración dos veciños, manterá o formato da festa de anos anteriores, caracterizado por buscar unha implicación activa dos visitantes á festa e a participación dos veciños na festa, formando parte de forma activa nesta.
A edición deste ano desenvolverase o venres 27 e o sábado 28 de xuño, na parroquia de Combarro, enchendo de actividades e animación toda a zona antiga da vila, dende a praia do Padrón (onde se realiza a xa tradicional exhibición de tiro con arco) ata a praza de Chouza.
A organización invita a todos os veciños a participar dunha ou outra forma na festa, e ademais de asistir con roupa de época, tamén poden facelo de forma máis activa, así infórmase que está aberta a inscrición para participar nos bailes medievais que se desenvolverán durante a festa e para formar parte da Batucada Os Queimatasas, que animarán e participarán na festa.
Así mesmo, a organización tamén abre o prazo para que todos os artesáns interesados poidan participar no mercado medieval.
Todos os interesados poden anotarse chamando o 676522243 ou no correo electrónico asociacioncombrus@hotmail.com.