A selectividade máis difícil faise en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Gabriel enfróntase hoxe á selectividade. Esta mañá tivo que madrugar para vir dende O Carballiño ata Pontevedra onde fará os exames no Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE onde se constituíu o Tribunal especial. "Teño unha minusvalía en pés e mans unha discapacidade recoñecida", explica "o único que necesito para facer este exame é un tipo especial de folios e algo máis de tempo".
Alejandro, de Lugo, necesita estar illado nunha aula "diagnosticáronme un transtorno de ansiedade e sufro crises cando estou con máis xente, o que é molesto para os meus compañeiros e para min".
Xunto a eles encóntranse ata un total de 37 compañeiros procedentes de toda Galicia con todo tipo de casuísticas: problemas de ansiedade, epilepsias, discapacidades visuais, un brazo roto, hernia discal, trastornos por déficit de atención con ou sen hiperactividade ou disléxicos que solicitaron que se teña en conta a súa especificidade á hora de realizar as probas.
Nas instalacións do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra tense en conta todo este tipo de circunstancias dos alumnos que se presentan ás PAU (Probas de Acceso á Universidade) para que este alumnado teña mellores condicións á hora de realizar os exames.
"Obviamente as melloras están máis orientadas ás condicións nas que realizan os exames pero non ao contido das probas"
Máis horas para facer os exames, mellor situación nas aulas para evitar distraccións, control específico por parte dos titores encargados da aula, recursos de natureza informática como pantallas que permiten ampliación, ordenadores que len o texto escrito, ditados de exames para aqueles alumnos que non poden escribir, "obviamente as melloras están máis orientadas ás condicións nas que realizan os exames pero non ao contido das probas", explicou Alberto Sucasas, profesor de filosofía, que se encarga da supervisión da PAU.
"Estes alumnos durante a súa vida académica teñen un maior número de dificultades que o resto dos seus compañeiros, están nunha situación clara de desigualdade, agora trátase de que durante estas probas de acceso á universidade non teñan unha dificultade adicional", comentou.
Alberto Sucasas inaugurou este sistema no ano 1994, "dende entón aprendemos bastante". Ao principio eran menos alumnos, "agora a información que se brinda ás familias e aos centros e o aumento do diagnóstico de algúns problemas incrementaron o número de alumnos".
As persoas encargadas de corrixir os exames non coñecen a identidade dos alumnos, posto que as etiquetas que encabezan cada proba das PAU só levan un código de barras que identifica o alumno.
Polo de agora estes mozos din que os exames está a ser doados. A ver que ocorre mañá