Dous textos de Elvira Lindo e o 'New York Times', primeira proba da Selectividade pontevedresa
Por Redacción
Máis de 1.000 alumnos afrontan desde este mércores en Pontevedra unha proba vital para o seu futuro. Levan todo o curso preparando os exames e agora teñen por diante tres días para superar a temida selectividade, unha proba que mudou a habitual faciana do campus pontevedrés. Os alumnos da Universidade de Vigo deixaron paso aos que rematan os seus estudos nos institutos e buscar dar o salto ás aulas universitarias.
Tras a presentación oficial, a xornada arrancou as 10.00 da mañá co exame de Lingua Castelá e Literatura, unha proba na que, ademais de literatura, tiveron tamén que resolver diferentes exercicios gramaticais, ortográficos e sintácticos a partires de dous textos, ou ben un de Elvira Lindo ou ben un artigo do New York Times.
Despois chegaron as probas de Historia de España ou Filosofía. Na primeira, tocoulles elixir entre unha opción que incluía un discurso de Franco e na que tiñan que falar da Guerra Civil, do illamento do réxime e da relación con Hitler e Mussolini ou outra na que disertar sobre a intromisión do exército na vida pública desde a época de Fernando VII ata a ditadura de Primo de Rivera. Os que se decantaron por Filosofía a elección foi entre Aristóteles e Hume
Xa pola tarde, as probas que esperaban aos alumnos eran as de Lingua Galega e Literatura e Lingua Estranxeira (Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués).
Mañá, segundo día de exames, as probas serán específicas en función do tipo de Bacherelato elixido. Será a quenda para Matemáticas, Grego, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica, Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Deseño, Química, Latín e Debuxo Artístico.
A tarde do xoves estará reservada para as probas de Bioloxía, Historia da Arte, Electrotecnia, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Artes Escénicas; mentres que o venres, último día de Selectividade, tocaralle a quenda a Física, Xeografía e Economía da Empresa, entre outras materias
No caso de Pontevedra, estanse a examinar 1.049 estudantes: 618 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, 395 na Escola de Enxeñaría Forestal e 36 no centro de recursos educativos da ONCE.