Os primeiros veciños da Lama xa recuperaron os obxectos que lles roubaron da súa casa
Por Natalia Puga
Na tarde deste martes empezaron a desfilar pola Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, a contagotas, veciños de distintas parroquias da Lama. Acudían coas mans baleiras e saían logo de recuperar algún obxecto que nos últimos meses faltara das súas vivendas no marco da vaga de roubos rexistrada no municipio no que vai de ano.
Estes 'visitantes' da Comandancia foron os primeiros, pero está previsto que nos próximos días pasen moitos máis. Nunha sala destas dependencias hai un completo botín que inclúe electrodomésticos, ferramentas, xoias, moedas e obxectos do máis variado que a Garda Civil recuperou no marco dos nove rexistros domiciliarios realizados este luns en Vigo.
O botín estaba nas vivendas dos doce cidadáns de orixe romanesa detidos como supostos autores de numerosos roubos con forza en vivendas rexistrados nos últimos meses, entre os que destacan os rexistrados na Lama, pero non se descarta que haxa sucesos noutros municipios da provincia.
Entre os obxectos recuperados está boa parte do material que figuraba como roubado nas denuncias presentadas por veciños da Lama, pero hai moitos máis obxectos e agora estase a investigar a súa orixe. Dende a Garda Civil avisouse aos denunciantes de que xa poden acudir á Comandancia para recuperar o que lle roubaron e nesas visitas se espera que algúns poidan encontrar obxectos que lle faltaban e non denunciaran, pero os investigadores tamén seguen traballando coa hipótese de que se produciron máis roubos noutras zonas dos que non ten constancia e que serían a orixe do botín.
Mentres tanto, este mércores está previsto que a primeira hora da mañá empecen a pasar polos xulgados da Parda os doce detidos. Pasarán a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, que mantén o segredo das actuacións desta causa xudicial.
O último balance público da Garda Civil cifra en 22 o número de roubos producidos na Lama este ano e denunciados no cuartel de Ponte Caldelas. O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, recoñecera uns días antes 14 roubos mentres que o voceiro local do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, elevou xa en maio a 35 o número de feitos rexistrados. Logo deses balances hai constancia oficial de, polo menos, outras dúas denuncias.
Relacionadas:
-
Os veciños da Lama recupéranse da ondada de roubos: "hoy el sentir es de tranquilidad"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Veciños de Xesta (A Lama) piden a expulsión do país dos detidos como sospeitosos da vaga de roubos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Atribúen os roubos en vivendas da Lama a unha banda organizada de romaneses asentada en Vigo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dous novos roubos en casas deshabitadas manteñen a alerta social na Lama
Por Natalia Puga |