Un cento de manifestantes reclama espazos para cans sen correa nos parques pontevedreses
Por Anxo Lourido
Ao redor dun centenar de propietarios de cans, acompañados polas súas mascotas, apoiaron a manifestación convocada polo colectivo 'Por un parque para perros digno' que, durante este mediodía do sábado 29, realizou un percorrido dende o Parque de Campolongo ata o canil situado nas marismas de Alba.
Na Praza de España, o portavoz do colectivo, David Rivadulla, aproveitou para dar lectura a un comunicado no que insisten na habilitación de zonas verdes para que os cans poidan realizar actividades sen necesidade de levar correa. Piden espazos en Campolongo, Valdecorvos, A Parda, a Illa das Esculturas e en Monte Porreiro, "o que reclamamos é un espazo verde que non estea próximo ao tráfico rodado nin a un parque infantil", sinala o voceiro da plataforma.
Rivadulla mostrouse crítico coa futura construción dun novo parque para cans, prevista polo goberno local, porque "non se tiveron en conta os exemplos de cidades inferiores a Pontevedra. Non queremos ser encerrados en guettos". Afirman que se senten discriminados e, por este motivo, reclaman unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Dende o colectivo sinalan que aínda non recibiron resposta á súa solicitude dunha entrevista.
Entre os manifestantes encontrábase a concelleira do Partido Popular, María José Rodríguez Teso, que realizou o percorrido acompañada por un setter irlandés. A marcha finalizou no canil das marismas de Alba. Dende o colectivo afirman que este espazo é insuficiente para a cantidade de cans que hai en Pontevedra e que "non se parece en nada aos que te podes encontrar noutras cidades de España".
Sinalan que se non se encontra unha solución manterán as protestas coa idea de intensificalas para que alcancen unha difusión nacional.
Por último, o colectivo volveu insistir na denuncia da utilización de salchichas con alfinetes, velenos e outras trampas co obxectivo de facer dano a estes animais de compañía.
Relacionadas:
-
Na procura dunha solución para máis de 9.000 cans censados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os membros de 'Por un parque digno para perros' volverán protestar o sábado 12 con bozo e correas
Por Redacción |
-
O colectivo 'Por un parque para perros digno' protesta cun paseo desde Campolongo ata as marismas de Alba
Por Redacción |
-
O colectivo 'Por un parque para perros digno' solicita unha audiencia urxente co alcalde
Por Redacción |
-
Protesta baixo o lema "Un parque para cans digno"
Por Oskar Viéitez |