
© Universidade de Vigo
Unha investigación da Escola de Forestais permitirá abrir o mercado da biomasa a novos materiais

Por Redacción
O aumento que está a experimentar en Europa o uso de biomasa fai preciso ampliar a gama de materias primas, forestais e agrícolas, que se empregan como biocombustible para dar resposta a unha demanda en crecemento. Non obstante, non todos os tipos de biomasa responden do mesmo xeito á súa combustión nunha caldeira, que, nalgúns casos, mesmo poden chegar a estragar.
Para pór solución a este problema, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal deseñaron unha metodoloxía que permite definir en que grao poderían ser empregados determinados tipos de biomasa de baixa calidade a través da súa combinación con outros materiais, unha metodoloxía que os socios do centro no proxecto europeo Ashmelt "teñen interese en validar como un estándar internacional", salienta o investigador Daniel Vega.
Xunto a universidades, institutos de investigación e asociacións empresariais de Austria, Alemaña e Suecia, o grupo de investigación en biomasa que encabeza o profesor Luis Ortiz traballa neste proxecto financiado pola Unión Europea co obxecto de pór solución ao problema de fusión ou "sinterización" das cinsas nas caldeiras, "unha das principais barreiras para o aproveitamento de biomasa residual en caldeiras domésticas".
De aí o interese que suscita a metodoloxía desenvolvida por este grupo de investigación, que determinou "uns índices de risco de fusión de cinsas que permiten establecer a partir de que temperaturas de combustión existe risco de formación de escorras e corrosión da caldeira" e, polo tanto, coñecer en que porcentaxe estes tipos de biomasa poderían ser usados en combinación con outros materiais.
Esta metodoloxía está a ser actualmente testada polos institutos de investigación TFZ e BTL, dependentes do Goberno alemán e membros dos comités ISO de normalización de biomasa, "que amosaron interese porque esta metodoloxía poida ser considerada como un sistema de control da calidade da biomasa", subliña Vega, que tamén incide na importancia da bioenerxía como "unha opción de aforro e unha fonte de creación de novos postos de traballo nestes tempos de crise".
Relacionadas:
-
"Extraordinaria acollida" dos concellos ás caldeiras de biomasa
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Deputación inician unha ofensiva para dar "absoluta preferencia" á biomasa
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe aforrará entre 80.000 e 100.000 euros anuais ao substituír a súa caldera de gasóleo por biomasa
Por Redacción |
-
Impulsan un proxecto para substituir as caldeiras de gasóleo por biomasa en instalacións municipais
Por Redacción |