Así está a ser o verán nas ludotecas de Ribadumia, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro
Por Oskar Viéitez
As ludotecas son espazos destinados á infancia onde, a través dun proxecto educativo, exponse alternativas de lecer, utilizando como ferramentas pedagóxicas os xoguetes e o xogo tanto libre como dirixido. Favorécese o crecemento persoal dos nenos, a educación en valores, a convivencia e solidariedade, a adquisición de hábitos e poténciase o desenvolvemento das súas capacidades, todo iso baixo a orientación e seguimento de profesionais.
É tamén unha fórmula para axudar á conciliación familiar durante estas datas de verán polo que constitúe un recurso municipal moi demandado e valorado polas familias.
En Ribadumia o servizo de conciliación que deu comezo o 24 de xuño, continúa ofrecendo alternativas de entretemento e diversión á pequena veciñanza do municipio.
Dende o remate do período escolar no mes de xuño e ata principios de setembro, a rapazada da Escola de Verán do Concello de Ribadumia desfruta de actividades variadas como manualidades, xogos na piscina municipal, conta contos, robótica, actividades deportivas, proxectos educativos de construción con materiais de refugallo, bailes para preparar o festival de fin de curso, plantar sementes,...
En Cerdedo-Cotobade, o alcalde Jorge Cubela e Rogelio Carballo, presidente da Federación de ANPA de centros públicos de la provincia de Pontevedra (FANPA), presentaron o campamento lúdico para nenos e nenas de 8 a 16 anos que baixo o nome de "Campaverán" se desenvolverá por cuarta vez consecutiva no CEIP Plurilingüe de Carballedo, entre o 21 e o 27 de xullo.
Durante a presentación, o alcalde Jorge Cubela manifestou que "é un orgullo para nós que a FANPA volva organizar o seu campamento de verán no noso concello para que poida seguir traendo mocidade a coñecer ao noso pobo e así poidan tamén descubrir as nosas capacidades en materia xuvenil, turística, social, deportiva e cultural".
Segundo manfiestou o presidente da FANPA, Rogelio Carballo, "para nós é importantisimo que os rapaces e rapazas poidan disfrutar desta actividade na que se mesturan as culturas urbanas e rurais porque na nosa cotidianidade estamos enfocados no ámbito urbano cando o rural ten moito que ofrecer".
A ludoteca posta en marcha este verán dentro do Plan Concilia+ de Campo Lameiro xira en torno a un proxecto educativo e lúdico que ten como nexo de unión a creación dun concello ficticio con dous barrios onde os cativos teñen a portunidade de coñecer oficios, negocios e servizos que se prentan á veciñanza.
Así durante estes días de verán os beneficiarios deste programa de conciliación laboral e familiar van aprendendo xogos que teñen como punto sobre o que pivotan actividades relacionadas coa vida cotiá e así aproveitan as saídas pola vila para coñecer o labor que fan as panaderías, perruquerías, floristerías, restaurante, a farmacia, etc.
Segundo manifestou o alcalde, Carlos Costa, "é unha iniciativa moi interesante xa que os cativos ademais de xogar, pasalo moi ben e aprender infinidade de cousas van percorrendo os distintos oficios e negocios que ofrece Campo Lameiro, coñecen aos seus veciños que son os protagonistas da explicación sobre os seu traballo e tamén disfrutan dunha serie de saídas que contribúen a superar calquera monotonía".