Convocados os premios de arquitectura Gran de Area 2024
Por Oskar Viéitez
As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizan conxuntamente unha nova edición dos "Premios Gran de Area de Achega á Arquitectura 2024".
A sede dos arquitectos pontevedreses acolleu este mércores a presentación das bases desta convocatoria por parte dos presidentes das tres delegacións colexiais de Pontevedra, Vigo, e Ourense respectivamente, Anselmo Villanueva, Manuel Martínez Carazo e Emma Noriega.
Segundo explicou Emma Noriega estes galardóns teñen "un carácter moi especial", xa que "son abertos e sen categorías" destinados a recoñecer o labor conxunto de todos os axentes intervenientes no proceso de xestación e construción dunha obra como "unha pequena, pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna".
Neste sentido, Martínez Carazo manifestou que a administración, se quere un territorio coidado, ten que apoiar economicamente aos particulares con axudas á redacción dos proxectos.
O criterio de selección para o Gran de Area 2024 será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que achegue un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.
O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación para seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados da edición anterior e a secretaria da delegación de Vigo, que actuará con voz pero sen voto.
Anselmo Villanueva destacou que estes premios son un referente da difusión da arquitectura entre a sociedade do sur de Galicia, "seguramente porque chegan ata a nosa esencia que son as parroquias e os barrios".
A entrega de premios celebrarase a finais de ano en Vigo.
Relacionadas:
-
Oito estudos de arquitectura pugnan por darlle unha "nova vida" ao Pazo de Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
Homenaxe aos tres promotores do acceso rodado á Carballeira e Baños de San Xusto no ano 1968
Por Redacción |
-
O arquitecto Luis Gil Pita dará as claves para reestruturar unha vivenda unifamiliar pontevedresa
Por Redacción |
-
Coñecer Santa Clara, un "privilexio" para unha vintena de arquitectos internacionais
Por Redacción |
-
Un ciclo de visitas dará a coñecer os tres proxectos pontevedreses premiados co Gran de Area 2023
Por Redacción |