San Benitiño de Lérez atrae os seus devotos nun día inestable de verán
Por Anxo Lourido
Centos de devotos procedentes de distintos puntos de Galicia achegáronse este xoves 11 de xullo á parroquia pontevedresa de Lérez para participar na celebración de San Benitiño de verán.
O tempo inestable nas Rías Baixas condicionou os actos relixiosos ata o punto de que se mantivo a incerteza ata o último momento sobre a posibilidade de realizar a procesión do santo arredor da igrexa.
Finalmente levouse a cabo a procesión pero, a diferenza doutros anos, tivo lugar arredor das 13.10 horas, antes da celebración da misa, aproveitando uns claros no ceo de Pontevedra.
Outra das novidades deste ano centrouse na instalación dun posto no exterior para a venda de recordos da celebración e do aceite milagreiro.
O frasco vendíase a 1,20 euros. Este aceite que se queima na lámpada do santo é despois utilizado para eliminar verrugas, sanar articulacións e outras aplicacións cutáneas, segundo indica a tradición.
Para que teña efecto é preciso rezar e aplicar con algodón este aceite bendito durante nove días.
Unha vez máis, os devotos cumpriron cos rituais de pasar por debaixo do santo.
"Os maiores xa non estamos para isto", aseguraba un fiel despois de realizar o esforzo de arrastrarse pola zona onde se atopa unha das imaxes do santo.
Tamén moitos asistentes portaban panos e compraban estampas que un equipo de persoas da parroquia rozaban no manto de San Benitiño co obxectivo de que se cumpran as súas peticións.
No exterior do recinto volveron triunfar os postos de degustación de polbo e churrasco, a venda de rosquillas y de exvotos; e mesmo os postos que vendían paraugas a cinco euros.