Todas as hipóteses abertas sobre a morte de Manuela Barbosa, localizada tres anos despois nunha leira de Arcade
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén aberta a investigación para aclarar a morte de Manuela Barbosa, a veciña de Redondela desaparecida en 2021 cuxos restos óseos foron localizados o pasado 18 de xuño nunha leira de Arcade, en Soutomaior.
Transcorridas case tres semanas tras o achado dos restos óseos, os investigadores da Policía Xudicial da Garda Civil continúan coas indagacións e nos últimos días tomaron declaración aos veciños da zona do barrio do Conde, onde foron localizados. Tamén se entrevistaron con familiares e achegados da muller.
De momento, todas as hipóteses están abertas e a Garda Civil non confirma nin descarta nada sobre as circunstancias nas que faleceu esta muller, que cando desapareceu tiña 66 anos. Así, as investigacións realizadas ata o momento non permitiron determinar se foi unha morte accidental ou resultado dunha acción homicida.
Fontes oficiais da Garda Civil confirman que seguen investigando e limítanse a asegurar que "non descarta nada".
Nestes momentos, a investigación está centrada en tentar determinar os últimos movementos desta muller e tamén se o lugar da morte foi a mesma leira de Arcade na que apareceron os ósos ou noutro lugar.
Manuela Barbosa desapareceu en xullo de 2021 tras acudir a visitar á súa filla en Arcade e os seus restos foron localizados a apenas 200 metros do domicilio da súa filla, de modo que esta circunstancia podería encaixar coa posibilidade de que falecese xa ese mesmo día, tras abandonar a vivenda.
Nas inmediacións da zona onde se atopou gran parte do esqueleto apareceu a carteira desta muller, na que había varias fotografías da falecida. Tamén se atoparon efectos persoais da súa propiedade, entre eles, algunhas xoias que levaba o día da súa desaparición.
Os ósos foron localizados por un operario que estaba a realizar unha roza e unha limpeza en profundidade da leira. Non parecera ata o de agora porque este terreo levaba tempo cuberto de maleza, unha circunstancia que, en palabras do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, "contribuíu a que non se localizase antes o cadáver".
A investigación está a tratar de determinar se desde a desaparición de Barbosa se relizaou algunha limpeza xusto nesa zona, pois algunhas informacións veciñais apuntan a que se realiza unha limpeza anual na leira.
Tras a localización dos restos, acudiron ao lugar axentes do Laboratorio de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil e os servizos especializados da propia Garda Civil e o caso xudicializouse nos xulgados de Redondela.
Relacionadas:
-
"Todo indica" que os ósos localizados en Arcade pertencen a Manuela Barbosa, desaparecida en 2021
Por Natalia Puga |
-
Investigan a aparición de ósos humanos nunha leira chea de maleza en Arcade
Por Natalia Puga |
-
A procura de Manuela Barbosa amplíase a Pontevedra e Marín tras 15 días desaparecida
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Rastrexan o río Verdugo para localizar a Manuela Barbosa, desaparecida en Arcade
Por Redacción |