A procura de Manuela Barbosa amplíase a Pontevedra e Marín tras 15 días desaparecida
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Este martes 27 de xullo cúmprense 15 días desde que se perdeu a pista a Manuela Barbosa, veciña de Redondela de 66 anos á que se viu por última vez en Arcade (Soutomaior) o pasado 13 de xullo. Coincidindo con estas dúas semanas de ausencia, as súas fillas decidiron ampliar a súa procura e empapelaron as rúas máis concorridas de Pontevedra e Marín.
A familia de Manuela pegou carteis "en sitios concorridos de xente" e tamén percorreron comedores sociais, albergues e refuxios para preguntar por ela por si alguén ten noticias do seu paradoiro.
As fillas da desaparecida pensan que "a zona de Arcade e Soutomaior está máis que rastrexada e perimetrada", por iso amplían a zona de procura. As autoridades policiais que organizan a súa busca continúan centrada en Arcade e a parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, onde levan 15 días realizándose batidas e labores de rastrexo, pero elas consideran que é o momento de cambiar.
Segundo explican as súas fillas, Raquel e Ana, teñen sospeitas de que algún condutor a puido trasladar ata Pontevedra en coche porque a ela gustáballe moito ir de compras e puido querer ir para mercar algo para a súa neta. Esa persoa que a levou de xeito voluntaria é posible, segundo as súas fillas, que non saiba que está desaparecida, por iso é polo que queren encher a cidade coas súas fotos.
A familia decidiu realizar estas accións por iniciativa propia, aínda que antes tamén llo comentaron ás autoridades. A Garda Civil e tamén a Policía Nacional e Protección Civil continuarán centrados na zona de Arcade porque alí foi vista por última vez na zona do restaurante Avenida e porque se puido rastrexar o seu teléfono móbil e deixou de emitir sinal por esa zona.
"Despois de 15 días, todas as batidas e todo o que están buscando as autoridades e non atopan, nós dicimos: hai que ampliar, non nos podemos quedar nun punto", explican.
Manuela levaba o seu teléfono móbil con ela e deixou de dar sinal cando levaba tres días desaparecida. Aínda que vivía en Redondela, adoitaba ir a Arcade para ver as súas fillas e alí perdéuselle a pista.
As fillas fan un chamamento para que as persoas que teñan algunha pista lla fagan chegar ás autoridades e indican que a súa nai é loira e delgada e o día que desapareceu levaba un vestido amarelo con flores e un bolso de palla.