"Todo indica" que os ósos localizados en Arcade pertencen a Manuela Barbosa, desaparecida en 2021
Por Natalia Puga
A Garda Civil avanza na investigación aberta na tarde do martes para esclarecer o achado de restos óseos humanos nunha leira que se estaba rozando no barrio do Conde, en Arcade (Soutomaior). As pescudas realizadas ata o momento apuntan a que se trata dos restos de Manuela Barbosa, desaparecida fai case tres anos.
"Todo indica que se esclareceu con este achado a desaparición de Manuela Barbosa Sousa", asegurou este mércores o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Losada apunta que "hai que manter a máxima prudencia" porque a Garda Civil continúa investigando, pero que todo apunta a que se trata desta muller, desaparecida en xullo de 2021 tras acudir a visitar á súa filla en Arcade.
Barbosa era veciña de Redondela, pero o domicilio da súa filla está a apenas 200 metros da leira na que apareceron estes restos na tarde do martes.
Ademais, segundo confirmou Losada, nas inmediacións da zona onde se atopou gran parte do esqueleto apareceu a carteira desta muller que, cando desapareceu, tiña 66 anos.
Na carteira había varias fotografías da falecida e tamén se atoparon efectos persoais da súa propiedade, entre eles, algunhas xoias que levaba o día da súa desaparición.
Os ósos foron localizados por un operario que estaba a realizar unha roza e unha limpeza en profundidade da leira. Non parecera ata o de agora porque este terreo leva varios anos cuberto de maleza, unha circunstancia que, en palabras do subdelegado, "contribuíu a que non se localizase antes o cadáver".
Tras a localización dos restos na tarde do martes, acudiron ao lugar axentes do Laboratorio de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil e as autoridades xudiciais así como os servizos especializados da propia Garda Civil.
Os ósos e restos biolóxicos recolleitos na leira serán sometidos a análises forenses para poder confirmar ao 100% a identidade e, desta forma, "poder pechar o caso".
Relacionadas:
-
Investigan a aparición de ósos humanos nunha leira chea de maleza en Arcade
Por Natalia Puga |
-
A procura de Manuela Barbosa amplíase a Pontevedra e Marín tras 15 días desaparecida
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Rastrexan o río Verdugo para localizar a Manuela Barbosa, desaparecida en Arcade
Por Redacción |