Falece un home de idade avanzada atropelado na recta de Carril en Vilagarcía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un home de 75 anos, con domicilio habitual en Madrid, falecía na mañá deste domingo en Vilagarcía de Arousa como consecuencia dun atropelo.
O accidente rexistrábase ás 11.40 horas da mañá.
O 112 Galicia recibía unha chamada indicando que se produciu o atropelo dunha persoa de avanzada idade na PO-548, á altura do número 78, na recta de Carril, en Vilagarcía.
Nese momento, o alertante indicaba que a persoa estaba totalmente accesible pero alarmaba de que se atopaba ferida de consideración.
Segundo indican desde o Concello de Vilagarcía, a vítima tentaba cruzar no paso de peóns diante da entrada principal do parque da praia Compostela.
A Policía Local informou de que o home tentaba cruzar o paso cando o semáforo permanecía en vermello para os peóns, mirou cara unha vía pero non ao outro carril, coa mala fortuna de que un vehículo o golpeaba no momento en que tentaba atravesar a vía.
Un médico que pilotaba unha motocicleta e pasaba pola zona detívose coa intención de reanimalo, mentres non chegaba unha ambulancia.
Desde o 112 Galicia avisaron ao persoal do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao momento ao helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
Tamén foron informados os Bombeiros de Vilagarcía, axentes da Policía Local e efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía.
Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios só puideron certificar o falecemento do viandante.
O Concello de Vilagarcía indica que, minutos máis tarde, unha muller que saía dunha vivenda da leira de Artime, fronte ao parque de Compostela, recoñeceu o accidentado, que resultaba ser o seu marido.
Relacionadas:
-
Un neno de cinco anos e dous adultos, feridos nun accidente en Cambados entre un todoterreo e un turismo
Por Anxo Lourido |
-
Unha motocicleta atropela dúas mulleres nun paso de peóns da Avenida Porteliña
Por Diego Espiño |
-
Unha muller en cadeira de rodas, ferida leve nun atropelo en Eduardo Pondal
Por Redacción |