Limpan de especies invasoras e madeira morta as marxes fluviais do Verdugo
Por Redacción
O chamado Proxecto Mil Ríos chegou ao río Verdugo. Nel acométeronse os traballos de conservación, mellora e limpeza das marxes fluviais nun tramo de máis dun quilómetro, entre a ponte colgante e a ponte medieval de Comboa, no concello pontevedrés de Soutomaior.
Cun investimento de case 60.000 euros nesta zona, localizada nas proximidades da área recreativa A Veiguiña, os labores comezaron o ano pasado e se executaron divididos en dúas fases.
A primeira centrouse na eliminación de especies invasoras e alóctonas presentes na zona de ribeira (fundamentalmente acacias) mediante o seu chasqueado, unha técnica manual que consiste en retirar a cortiza dos exemplares evitando deste xeito o uso de substancias fitocidas.
Nunha segunda fase procedeuse á corta e retirada dos pés chasqueados previamente así como á eliminación do exceso de madeira morta localizada na canle e na zona de dominio público hidráulico e cuxa presencia dificultaba tanto a pesca como o seu uso por parte dos visitantes.
Grazas a estas actuacións, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acadouse unha "notable mellora" da vexetación de ribeira e da situación ecolóxica da zona e contribuíuse a facilitar o uso público e a actividade da pesca fluvial neste tramo,.
A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, avanzou que o vindeiro outono o seu departamento ten previsto levar a cabo outra actuación na mesma zona.
En concreto, explicou que o proxecto consistirá en acondicionar a ponte colgante sobre o río Verdugo para reforzar a seguridade, así como na execución doutras labores de mantemento.